O Programa de loita contra as adiccións no que colaboran a Xunta e Cruz Vermella de Lugo atendeu o pasado ano a preto de 700 usuarios

O delegado territorial, Javier Arias, explicou que vén de firmarse un novo convenio polo que o Sergas destina 617.400 euros a este proxecto

Visitou a entidade e recolleu as súas propostas de cara á futura Lei sobre prevención das adiccións en menores en Galicia, que está en período de consulta pública

Lugo, 6 de maio de 2021

O programa de asistencia a pacientes con trastornos relacionados con substancias e trastornos aditivos no que colaboran a Xunta de Galicia e a Cruz Vermella de Lugo atendeu o pasado ano a 681 usuarios, dos cales 533 foron homes e 148 mulleres.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, visitou hoxe as instalacións da entidade para tratar cos seus responsables sobre o desenvolvemento deste programa e o Proxecto de Lei sobre Prevención das adiccións en menores en Galicia, que está ata mañá en período de consulta pública.

Así, Arias lembrou que vén de asinarse un novo convenio entre o Sergas e a Cruz Vermella de Lugo polo que o primeiro achega 617.400 euros para dar continuidade ás accións de atención integral aos pacientes con trastornos adictivos e ás súas familias. Ao respecto, subliñou o “compromiso firme e continuado” do Goberno galego neste obxectivo, que se traduce nun investimento de 7,7 millóns de euros realizado dende o ano 2009 para o sostemento do programa.

Pola súa banda, a entidade presta servizo a todas as persoas interesadas respectando os principios de universalidade, anonimato, voluntariedade e gratuidade. Inclúen medidas específicas para aqueles casos nos que se dan simultaneamente un trastorno adictivo e outro trastorno mental (patoloxía dual) e atención de terceiro nivel (en réxime residencial); tamén se contempla a mellora na coordinación cos dispositivos da rede de saúde mental e atención primaria para, en conxunto, acadar o tratamento, a incorporación social e a recuperación destes pacientes.

Actualización normativa

Javier Arias aproveitou a xuntanza co presidente, Luís Abelleira, e outros representantes de Cruz Vermella para recoller as súas propostas de cara á futura lei que por primeira vez englobará toda a normativa en materia de prevención das condutas aditivas en menores. Como principal novidade, a norma vai incorporar medidas de prevención doutras adiccións sen substancia e da problemática ocasionada polo uso das tecnoloxías dixitais e, en particular, coas relacionadas co uso das redes sociais e os videoxogos.

Con esta nova normativa, búscase solucionar problemas como o elevado consumo de substancias, legais e ilegais, por parte da mocidade e a idade temperá na que os mozos se inician no consumo. Tamén pretende solventar a dispersión das normas relativas a venda, subministro, consumo, publicidade, promoción e patrocinio das principais substancias psicoactivas, coa conseguinte dificultade para o seu coñecemento por parte da cidadanía e das institucións. Así mesmo abordará medidas fronte ao incipiente desenvolvemento de problemática relativa a videoxogos, uso problemático de internet e das redes sociais.

Co fin de recoller ideas sobre as medidas e contidos que o texto debería incorporar, a Xunta está a programar encontros con distintas entidades e abriu unha canle de participación no Portal de Transparencia para todos os cidadáns interesados en achegar as súas suxestións.

Imaxes relacionadas