A Xunta licita as obras de mellora do illamento do centro de día de alzhéimer de Lugo, ás que destina 100.000 euros

O delegado territorial, Javier Arias, explica que o contrato se enmarca no plan da Consellería de Política Social para acadar un novo modelo de servizos socioasistenciais tras a pandemia

As empresas interesadas no contrato teñen de prazo ata o 11 de maio para presentar ofertas

Lugo, 6 de maio de 2021

A Consellería de Política Social licitou o contrato para acometer melloras no illamento do Centro de Día de Alzhéimer de Lugo, ás que destina un orzamento de 100.000 euros. A intervención permitirá reducir o risco de aparición de humidades e condensación e incrementar o confort e benestar das persoas usuarias e persoal traballador do centro.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que estas obras enmárcanse no plan de actuacións que a Consellería de Política Social vai levar a cabo a raíz da pandemia por mor do covid-19, para acadar un novo modelo de prestación de servizos socioasistenciais mellorando as instalacións e evitando, no maior grao posible, os riscos de propagación do virus.

Neste caso, o obxectivo é resolver a aparición de humidades no baixo do Centro de Día provocadas polas filtracións de auga a través da cuberta do patio de mazá do centro e do encontro desta coas cubertas lindeiras.

Para elo, substituirase a cuberta por outra de panel “sandwich” illante de aceiro galvanizado. Así mesmo, duplicaranse os canlóns existentes, de tal modo que cada un dos faldóns da cuberta evacúe a un canlón, aumentando a capacidade de recollida de auga de chuvia e conectando cun novo colector que enlazará coa rede de saneamento xeral municipal.

As empresas interesadas en optar ao contrato poden presentar as súas ofertas ata o día 11 de maio; o prazo máximo de execución das obras será de tres meses.