A Xunta licita hoxe obras de reforma no IES Lois Peña Novo de Vilalba, ás que destina 247.000 €

O delegado territorial, Javier Arias, explicou que os traballos previstos aumentarán a eficiencia enerxética do centro conforme ás novas esixencias construtivas establecidas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia

O proxecto prevé mellorar o illamento mediante a renovación da cuberta, as carpinterías exteriores e a instalación dun novo revestimento na fachada do inmoble principal
 

Vilalba (Lugo), 5 de maio de 2021

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade publicou hoxe na Plataforma de Contratos de Galicia a licitación das obras de reforma que acometerá no IES Lois Peña Novo de Vilalba, ás que destina 247.000 euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou no transcurso dunha visita ao instituto que os traballos incluirán a substitución da cuberta e das carpinterías exteriores e a reparación da fachada, conforme ás novas esixencias construtivas establecidas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia, dotado con 191 millóns de euros.

As actuacións levaranse a cabo nos edificios principal e secundario e permitirán reducir o consumo enerxético do centro ao mellorar as condicións de illamento. En concreto, substituirase a cuberta existente de lousa por outra de panel sándwich e cambiaranse as ventás que non foran renovadas nos últimos anos por unhas con dobre acristalamento e apertura oscilobatente, similares ás que se colocaron recentemente.

Tamén se mudarán os canlóns e baixantes por uns de aceiro galvanizado. Ademais, a fachada exterior do edificio principal dotarase dun novo sistema de revestimento tipo Capatect para mellorar o illamento térmico.

As empresas interesadas en presentar ofertas poden facelo ata o vindeiro 18 de maio, segundo explicou Arias. Tamén apuntou que o prazo estimado de execución dos traballos será de dous meses.

O IES Lois Peña Novo data do ano 1976 e consta de tres edificios: o principal, o secundario e o de talleres, froito dunha ampliación posterior e conectado co inmoble principal. En 2020 a Xunta instalou unha nova sala de caldeiras cun sistema de produción térmica de biomasa.

Arias apuntou que o novo proxecto que desenvolverá o departamento de Educación no instituto vilalbés “favorecerá o aforro enerxético e económico” e contribuirá a “contar cun centro máis cómodo e seguro para acoller a actividade diaria que nel se desenvolve”, en liña coas pautas marcadas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica que o Goberno galego, un documento que nestes momentos se atopa en fase de diálogo con diversos colectivos para o seu enriquecemento.
 

Imaxes relacionadas