Román Rodríguez anima aos alumnos galardoados cos Premios Fernando Blanco, a seguir formándose na excelencia académica para acadar o éxito persoal e profesional

O conselleiro de Educación participou no acto virtual de entrega dos galardóns aos cinco mellores expedientes do instituto de Cee que leva o nome deste benefactor que apoiou a educación como feito diferencial de progreso

Santiago de Compostela/Cee, 5 de maio de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, participou hoxe no acto virtual de entrega das bolsas-premios Fernando Blanco aos mellores expedientes académicos correspondentes ao curso 2019-20 do instituto de Cee (A Coruña) que leva o nome deste benefactor que destacou sobre todo polo apoio á educación.

Na súa intervención, Román Rodríguez expresou os parabéns aos cinco alumnos premiados polo seu esforzo e traballo ao longo de todo o curso pasado, nun contexto de pandemia que supuxo un reto para o conxunto do sistema educativo e, en especial, para os estudantes. Asegurou que o traballo e as horas de estudo “son un camiño de esforzo que paga a pena percorrer”, xa que a “rigorosidade e a excelencia será o selo diferencial que vos abrirá as portas do futuro tanto a nivel persoal como profesional”.

Román Rodríguez destacou que Fernando Blanco de Lema foi “un visionario que soubo detectar o valor da educación como feito diferencial de progreso”, e froito dese empeño e do seu apoio económico, no ano 1886 púxose en marcha o Colexio de Primeira e Segunda Ensinanza −orixe do actual IES Fernando Blanco−, que leva 135 anos formando alumnos de Cee e dos concellos do arredor. O conselleiro rematou animando aos estudantes a inspirarse nos principios deste filántropo e a continuar o seu legado de esforzo, superación e compromiso.

Imaxes relacionadas