O Goberno galego constatou na reunión de hoxe que máis de 2 meses despois do cumio do 23 de febreiro, o Concello segue sen propostas para a urbanización dos peiraos interiores pero bloquea o intento autonómico de achegar solucións

A Xunta lamenta que a alcaldesa da Coruña rexeite a proposta da única administración que se ofreceu a investir na recuperación do uso público da fachada marítima da cidade

O Goberno galego salienta a súa vontade de contribuír a atender a demanda da cidade de recuperar os terreos portuarios, achegando máis de 20 M€ nun marco de colaboración entre todas as administracións

O Concello da Coruña rexeita debater a proposta e non presenta alternativas, máis alá dunha “declaración de intencións” que carece de compromisos económicos e de cronograma

A Xunta lembra que para garantir a titularidade pública e urbanizar os peiraos cómpren investimentos das administracións e insta ao Concello a concretar cal será a súa achega

A intervención activa da Xunta permitiu acadar un compromiso do Ministerio de Transportes de licitar en xullo as obras do ferrocarril ao Porto de Langosteira, primeiro paso para o traslado dos operadores e para liberar os peiraos interiores

A Administración galega puxo sobre a mesa unha folla de ruta completa, con cifras e anualidades, para a recuperación por fases dos peiraos e un convenio concreto para urbanizar o peirao de Batería e poñelo ao servizo dos coruñeses en 2023
 

A Coruña, 5 de maio de 2021

A Xunta lamenta que a alcaldesa da Coruña rexeite, sen negociar nin presentar alternativas, a proposta da única Administración que se ofreceu a investir na recuperación para o uso público da fachada marítima da cidade.

O xefe territorial da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade na provincia da Coruña, José Antonio Álvarez, participou hoxe nun encontro entre administracións celebrado no Concello da Coruña para abordar a situación do Porto e da fachada marítima.

Nesa xuntanza, a Xunta constatou que, transcorridos máis de dous meses desde o cumio entre administracións do 23 de febreiro, o Concello da Coruña continúa sen definir unha proposta concreta para a urbanización dos peiraos interiores e, sen embargo, bloquea o intento autonómico de achegar solucións.

O Goberno galego salienta que traballa como Administración pública coa vontade de contribuír a atender á demanda da cidade da Coruña de recuperar os terreos portuarios. En concreto, a Xunta ofreceu un investimento de 20 millóns de euros para garantir a titularidade pública e a urbanización dos peiraos nun marco de colaboración entre administracións.

O Concello da Coruña non acepta debater sobre a proposta da Xunta nin tampouco presenta alternativas, limitándose na xuntanza de hoxe a entregar aos participantes un documento cunha “declaración de intencións” que carece de compromisos económicos ou dun cronograma para a recuperación da fachada marítima.

O Goberno galego considera necesario lembrar que a recuperación da fachada marítima da Coruña exixe unha intervención das administracións para garantir a titularidade pública dos peiraos, así como para desenvolver as obras de urbanización. Por iso insta ao Concello da Coruña a concretar cal será a súa achega para acadar este obxectivo.

A Xunta acadou xa un primeiro paso decisivo, dado que o presidente, Alberto Núñez Feijóo, arrincou un compromiso do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana de licitar o vindeiro mes de xullo as obras do ferrocarril a Punta Langosteira, imprescindible para o traslado dos operadores e para a liberación dos peiraos interiores.

Xunto con iso, a Administración autonómica puxo sobre a mesa unha folla de ruta completa, con cifras e anualidades, para a recuperación por fases dos peiraos e un convenio concreto para poñer urbanizar e poñer o peirao de Batería ao servizo dos coruñeses xa en 2023. A Autoridade Portuaria xa trasladou o seu respaldo á proposta da Xunta.