A Xunta licita a renovación das carpintarías do IES Chan do Monte e a substitución das cubertas do CEIP do Carballal de Marín por 635.000 €

O delegado territorial, Luis López, anuncia esta dobre actuación, orientada á mellora da eficiencia enerxética de ambos centros, nunha visita ao instituto emprazado en Mogor coa alcaldesa, María Ramallo

A Consellería de Educación vai substituir todas as fiestras e as portas exteriores do IES, así como outras obras nos dinteis, cun investimento de 270.000€

O colexio público vai dispoñer dunha nova cuberta e sistemas de illamento, que complementarán a rehabilitación enerxética do ano pasado

Marín, 5 de maio de 2021

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, vén de licitar na xornada de hoxe a renovación das carpintarías exteriores do IES Chan do Monte e a substitución das cubertas do CEIP do Carballal, ambos emprazados no Concello de Marín, por un importe de 635.000€.

Esta dobre actuación nestes centros educativos públicos do municipio morracense, orientada á mellora da súa eficiencia enerxética, foi anunciada esta tarde polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, nunha visita realizada ao instituto de Mogor coa alcaldesa, María Ramallo, e o xefe territorial de Educación, César Pérez.

“Dende a Xunta seguimos absolutamente comprometidos co ensino e desenvolvendo unha actividade e unha planificación intensas, cun investimento moi importante, na mellora dos centros educativos públicos, que ademais estanse a reconverter en espazos máis confortables, multifuncionais, eficientes, versátiles e seguros dende o punto de vista sanitario ao abeiro do Plan da Nova Arquitectura Pedagóxica”, detallou o representante autonómico, que lembrou que o Goberno galego vai investir 191 millóns de euros nesta materia na presente lexislatura ata o horizonte do ano 2024.

No caso do IES Chan do Monte, o departamento autonómico vai investir 270.000€ na substitución de todas as fiestras exteriores do edificio, que conta con máis de 3.200 m2 e foi construido no ano 1983, polo que presenta, por mor do paso do tempo, certas patoloxías na fachada que se corrixirán con esta actuación.

As novas ventás serán de carpintaría de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre e a súa instalación complementarase co cambio de todas as portas exteriores e a substitución dos dinteis dos ocos das fiestras por outros con vigueta autorresistente de formigón pretensado.

O CEIP do Carballal recibirá un investimento de 365.000€ para modernizar todas as súas cubertas, que contan cunha superficie de máis de 4.000 m2, e, deste xeito, completar a mellora integral do edificio, que xa se beneficiou dunha rehabilitación enerxética, con dotación de illamento, o pasado ano a cargo da Consellería de Educación.

A obra consistirá na instalación de novas cubertas de panel sándwich con aceiro galvanizado e interior de poliuretano, a dotación de lana de roca de 10 centímetros para favorecer o illamento do teito e evitar as filtracións de auga e a substitución dos canalóns e as baixantes por outros de PVC.

Está previsto que esta dobre actuación se adxudique durante as vindeiras semanas para proceder á execución das obras durante os meses de verán co obxectivo de non interromper o curso lectivo.

Imaxes relacionadas