A Xunta licita obras de reforma no IES de Monterroso, que contan cun orzamento de case 200.000 euros

O delegado territorial, Javier Arias, explicou que a actuación enmárcase no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia, que dá resposta ás necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas dos centros educativos

Monterroso (Lugo), 5 de maio de 2021

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade destina un orzamento de 198.400 euros a realizar obras de reforma na cuberta, carpinterías e outros elementos do Instituto de Educación Secundaria (IES) de Monterroso.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou o centro para explicar o proxecto á comunidade educativa. Comunicou que a Xunta publicou hoxe mesmo a licitación do contrato, que se tramitou pola vía de urxencia para poder executar a meirande parte dos traballos durante as vacacións de verán, de forma que non interfiran coa actividade docente. As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o 18 de maio e o prazo máximo de execución das obras será de dous meses.

Arias destacou que as reformas enmárcanse no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia, dotado con 191 millóns de euros. Este plan supón un novo enfoque tras a experiencia da pandemia para dar unha resposta integral ás necesidades educativas, de confort, tecnolóxicas, medioambientais e sanitarias dos centros. Neste sentido, gañan protagonismo os espazos abertos e multifuncionais, e continúan as intervencións destinadas a mellorar a eficiencia enerxética, reducindo o consumo e as emisións contaminantes á atmosfera.

No caso do IES de Monterroso, as obras consistirán na execución de novas cubertas reforzando a impermeabilización e o illamento térmico. Tamén se substituirán as carpinterías e vidros das portas de acceso e disporase un vestíbulo cortaventos na entrada principal. Cambiarase a condución de augas pluviais da fachada oeste e corrixirase a entrada de humidade pola porta este.

No que respecta aos acabados, vanse pintar os paramentos -tanto paredes como teitos- e aplicarase un tratamento antideslizante na pista polideportiva para mellorar as condicións de uso.

Arias sinalou que se trata de actualizar as instalacións “substituíndo os elementos que lastran o rendemento, para que alumnado e profesorado dispoñan dun centro moderno, óptimo para a aprendizaxe e para a convivencia”.

Imaxes relacionadas