Os secretarios xerais de Política Lingüística e Cultura, Valentín García e Anxo M. Lorenzo, presentaron hoxe a iniciativa no marco da programación institucional

O 17 de maio regresa a carreira 'Camiño das Letras' para homenaxear a Xela Arias na Cidade da Cultura

O Gaiás volve ser a meta da VII edición do evento que patrocina a Xunta para celebrar a festa da lingua galega e poñer en valor o Camiño de Santiago

Constará dunha proba absoluta de 15 km das categorías máster, sénior, sub23 e sub20 nun circuíto ao longo da Vía da Prata
 

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2021

Galicia retoma, tras un ano de pandemia, un dos eventos máis populares da programación institucional das Letras Galegas impulsada pola Xunta, a VII Carreira Camiño das Letras. Sairá o 17 de maio do Pico Sacro e terá como meta a Cidade da Cultura para festexar a lingua galega a través da práctica deportiva e poñer en valor o Camiño de Santiago.

A iniciativa foi presentada hoxe polos secretarios xerais de Política Lingüística e Cultura, Valentín García e Anxo M. Lorenzo. Como expresou Valentín García, trátase dun acontecemento deportivo e cultural que concita ano a ano o interese e a participación da cidadanía e é tamén “un instrumento axeitado para achegar a xente ás Letras Galegas e poñer en valor a obra e a figura de Xela Arias, autora homenaxeada pola Real Academia Galega e pola sociedade”.

“Un tributo singular desde o deporte que, de seguro, lle gustaría a Xela Arias, xa que, se algo caracterizou a traxectoria da anfitrioa deste ano, foi o abrir novas portas para a poesía, o esforzarse en sacala do seu trono dourado, do seu espazo de confort, e poñela a dialogar con outras realidades, como a fotografía ou a música”, engadiu Anxo M. Lorenzo. Os representantes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade puxeron en valor a figura de Xela Arias como “unha poeta rompedora que había de gustar de ver a literatura na rúa, visibilizándose nunha carreira popular, e tamén ver un acontecemento deportivo convertido en espazo de socialización en galego, na lingua que ela mesma usou e defendeu con paixón na súa vida persoal, laboral e literaria”.

No acto tamén participaron a directora-xerente da Cidade da Cultura de Galicia, Ana Isabel Vázquez; Xulio Gil, representante da familia da autora homenaxeada; Roberto Vilar, actor, comunicador e padriño da carreira; Manuel Fernández Munín, alcalde de Boqueixón; Rubén Prol Mariño, concelleiro de Educación, Mocidade e Políticas Lingüísticas de Santiago de Compostela; Isidoro Hornillos, presidente da Federación Galega de Atletismo; Ignacio Seijo Vázquez, director-xerente de Xurdir, e Iván Sanmartín, director da carreira.

Do Pico Sacro ao Gaiás

A VII Carreira Camiño das Letras, impulsada en colaboración de Xurdir S.L, estará adaptada ás restricións da covid-19 e aos protocolos de seguridade hixiénico-sanitaria. Constará dunha proba absoluta das categorías máster, sénior, sub23 e sub20 que sairá a partir das 10,00 horas do día 17 de maio desde as proximidades do Pico Sacro e seguirá un circuíto de 15 km, ao longo da Vía da Prata e baixo o simbolismo do Camiño de Santiago e da Ruta Xacobea, ata a Cidade da Cultura. Todas as persoas que participen na proba recibirán no momento da recollida do dorsal, e como agasallo da organización e da Xunta, un libro dun/dunha autor/a en lingua galega e mais o diploma que acredita a participación no Camiño das Letras.

Esta iniciativa deportiva-cultural forma parte da programación institucional que a Xunta de Galicia desenvolve xa para renderlle tributo a Xela Arias e para facer partícipe a toda a sociedade da celebración da festa da lingua galega, o 17 de maio. Toda a información está dispoñible no Portal da Lingua Galega.

Imaxes relacionadas