Esta 1ª fase de acondicionamento do treito comprendido entre a AG-64 e Ponte Mera, ao seu paso por San Sadurniño, Moeche e Cerdido, supón un investimento de 7,2 M€

A Xunta avanza nas obras de mellora da capacidade e da seguridade viaria da estrada que une a autovía Ferrol-Vilalba e Ortigueira, que acadan xa un grao de execución dun 25%

A actuación na AC-862, cun prazo de 18 meses, iniciouse en decembro de 2020 e o obxectivo é executala este ano para poñela canto antes ao servizo dos veciños

O dispositivo despregado conta con 5 equipos de escavación, téndose iniciadas as tarefas en tres dos catro tramos e a vindeira semana comezaranse no último treito

Este venres rematarán os traballos de colocación das drenaxes transversais de gran diámetro e a mediados do xuño comezarán os labores de estabilización, así como as obras de drenaxe lonxitudinal e a construción de firme

Actúase en 18 quilómetros de estrada, rectificando curvas e ampliando a calzada, ademais de habilitando un novo terceiro carril de adiantamento ao longo de 3,8 km e mellorando o carril adicional actual en sentido Ferrol

A Xunta ten avanzada a segunda fase, cuxo proxecto está en supervisión, para someter a información pública proximamente e completar a mellora integral do itinerario entre Ferrol e Ortigueira, cun investimento de 13 M€

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a avanzar de xeito intenso nas obras de construción de mellora da capacidade e da seguridade viaria da estrada AC-862, que une a autovía Ferrol-Vilalba e Ortigueira, que acadan xa un grao de execución do 25%.

Trátase das actuacións correspondentes á primeira fase de acondicionamento do treito comprendido entre a AG-64 e Ponte Mera, ao seu paso polos concellos de San Sadurniño, Moeche e Cerdido, que contan cun investimento autonómico de 7,2 M€.

Os traballos na AC-862, que foron iniciados en decembro de 2020 e contan cun prazo de execución de 18 meses, atópanse neste intre a pleno rendemento, con labores de movemento de terras e drenaxe. O obxectivo da Xunta é executalos ao longo deste ano para que, canto antes, poidan estar ao servizo dos veciños.

O dispositivo despregado na actualidade na zona de obras conta con cinco equipos de escavación, téndose iniciados os traballos en tres dos catro tramos proxectados e coa previsión de comezar a vindeira semana os labores no treito último.

Máis en concreto, neste intre estanse a desenvolver os traballos proxectados de colocación das drenaxes transversais de gran diámetro, prevéndose o seu remate este mesmo venres. A mediados do mes de xuño comezarán os labores de estabilización da chaira con cemento, así como obras de drenaxe lonxitudinal e a construción de firme.

As obras en execución

En total, nesta primeira fase actuarase ao longo de 18 quilómetros de estrada, rectificando curvas e ampliando a calzada. Habilitarase un terceiro carril de adiantamento ao longo de 3,8 km, ademais de mellorar o carril adicional actual existente en sentido Ferrol.

A actuación iníciase no punto quilométrico 17+500, unha vez superado o núcleo de San Sadurniño e tras deixar atrás o enlace coa AG-64.

As principais actuacións a realizar son a corrección de trazados nos treitos curvos, mellora e redeseño das interseccións existentes e o encaixe e dimensionamento de carrís lentos, naqueles treitos onde é viable. Tamén se prevé a revisión e acondicionamento da sinalización vertical e horizontal e a análise dos xiros á esquerda e da seguridade viaria.

Máis en detalle, as accións inclúen a execución dun carril adicional sobre a calzada existente entre os puntos quilométricos 17+700 e 19+960, a rectificación do trazado e construción dun carril adicional dos puntos 29+000 ata o 29+970.

Ademais, entre os puntos quilométricos 30+260 e 31+440, as obras darán continuidade ao treito anterior coa rectificación do trazado e engadindo un carril de adiantamento, completándose a intervención coa rectificación da curva situada entre os puntos quilométricos 34+380 e 34+924.

Ao tempo a Xunta segue avanzando nunha segunda fase, cuxo proxecto está en supervisión e que se someterá a información pública proximamente, para completar a mellora integral do itinerario entre Ferrol e Ortigueira, cun investimento de 13 M€.

Nesta nova actuación, priorizarase o treito de San Sadurniño. Para isto, actualizouse o proxecto construtivo no que se engadiu ademais o enlace coa AG-64 para unha conexión efectiva coa rede de alta capacidade.

A Xunta segue traballando na planificación acordada para mellorar as comunicacións das comarcas de Ferrolterra e Ortegal cun conxunto de actuacións a curto e medio prazo que están en pleno desenvolvemento. Esta programación conta co aval dunha partida de 5,5 millóns de euros nos Orzamentos da Xunta para 2021.

Imaxes relacionadas