A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, coa delegada da Xunta en Vigo, supervisou hoxe o inicio desta actuación que supón un investimento de 7,6 M€

Ethel Vázquez destaca que as obras de ampliación do IFEVI arrancan co compromiso de estar preparadas para albergar eventos de referencia internacional despois do verán

Vázquez Mourelle sinala que a mediados de setembro estará rematada a envolvente do edificio, dispoñendo xa provisionalmente de superficie para celebrar Conxemar, Navalia ou Mindtech


Remarca un investimento global da Xunta de máis de 23 M€ neste recinto, sumando a achega da presente intervención e os 16 M€ das ampliacións anteriores


Subliña que estes traballos permitirán contar cunha nova superficie construída de 6.500 m², dos que 5.500 m² son de ampliación e 1.000 m² da reforma do edificio


Indica que tamén se disporá un espazo para a práctica do atletismo, constando dunha pista de 60 metros e 6 rúas e zonas para os saltos e lanzamento de peso


Destaca a aposta da Xunta en Vigo con outros proxectos como a estación de autobuses intermodal, que estará lista a finais de ano, cun investimento de 18 M€

Vigo, 5 de maio de 2021.- A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destaca que as obras de ampliación do IFEVI, nas que a Xunta inviste 7,6 millóns de euros, arrancan co compromiso de estar preparadas para albergar eventos de referencia internacional despois do verán.

Vázquez Mourelle, xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, supervisou o inicio das obras de ampliación do Instituto Feiral de Vigo (IFEVI). Tamén estiveron presentes o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, e o director da Axencia Galega da Infraestruturas, Francisco Menéndez.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade subliñou que a presente actuación consta dun investimento autonómico de 7,6 millóns de euros, que sumadas ás outras obras realizadas con anterioridade no recinto, supoñen un investimento global autonómico de máis de 23 M€.

Adiantou que a mediados de setembro estará rematada a envolvente do edificio para dispoñer provisionalmente de superficie expositiva que garanta a acollida de eventos como Conxemar, Navalia ou Mindtech.

Ethel Vázquez salientou que os obxectivos da actuación son incrementar a competitividade das instalacións, consolidar o IFEVI como o recinto feiral de maior capacidade de Galicia e situar á cidade de Vigo como referente para exposicións de primeira orde.

As obras, impulsadas desde a Vicepresidencia 2ª e Consellería de Economía, Empresa e Innovación e executadas pola Axencia Galega de Infraestruturas, suporán a ampliación deste recinto feiral en 5.500 metros cadrados. Trátase da ampliación na zona traseira do pavillón 3, que é o que, pola súa amplitude, as súas características especiais de anchura e altura, mellor se adapta aos usos previstos.

A realización destes traballos permitirá contar cunha nova superficie construída de 6.500 m², dos que 5.500 m² son de ampliación e uns 1.000 m², se corresponden coa reforma do edificio existente.

A conselleira precisou que a zona de ampliación estará conectada ao pavillón actual e na área máis próxima a esa unión disporanse os servizos necesarios para ambos os dous pavillóns: aseos, camerinos ou instalacións eléctricas e calefacción.

Indicou que estas obras, ademais de uso expositivo, están pensadas para albergar tamén usos deportivos, ao achegar un espazo para a práctica do atletismo. Disporanse unha pista de 60 metros de lonxitude e 6 rúas, ademais de catro zonas diferenciadas para a práctica de saltos e de lanzamento de peso.

Este módulo dará servizo a preto de 1.000 atletas repartidos entre os 15 clubs da área de Vigo. Coa actuación, os atletas vigueses poderán adestrar nunha pista cuberta, sen límite de capacidade e con independencia do tempo.

Lembrou o traballo da Xunta para poder iniciar as obras, pois foi preciso declarar o excepcional interese, ante a imposibilidade de tramitar urbanisticamente o proxecto ao estar o PXOM anulado. Foron precisos 8 meses para dispoñer de todos os informes sectoriais da Administración Xeral do Estado e da certificación por parte do Concello da dispoñibilidade dos terreos para poder licitar as obras de ampliación, o pasado 5 de xaneiro.

Ethel Vázquez manifestou que a Xunta agarda que unha vez rematados por completo os traballos de ampliación, o Concello de Vigo dote os accesos de modo acorde á súa potencialidade e capacidade para albergar mostras.

Enmarcou esta intervención na aposta da Xunta pola cidade de Vigo, que se reflicte noutros proxectos como a nova estación de autobuses da intermodal, que estará lista a finais de ano logo dun investimento de 18 M€, o maior dos orzamentos das intermodais de Galicia.

Imaxes relacionadas