A conselleira de Política Social visitou esta mañá as instalacións que Ilunion ten no Polígono do Tambre

Fabiola García salienta a vocación social do tecido empresarial galego como sinal de identidade da nosa comunidade

Resaltou o labor da lavandería que a empresa da ONCE ten en Santiago, que se encargou de lavar e desinfectar a roupa de cama das residencias integradas

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, salientou hoxe o valor humano que achegan á sociedade as empresas de entidades sociais como Ilunion, que durante este tempo se encargou de lavar a roupa de cama das residencias integradas de Galicia.

Fabiola García, que visitou esta mañá as instalacións da empresa no Polígono do Tambre, gabou a vontade de Ilunion e os seus traballadores por encargarse dun cometido tan importante e tan xeneroso. Destacou a súa profesionalidade á hora de seguir rigorosamente todos os protocolos de seguridade na recollida e entrega da roupa de cama, así como no proceso de limpeza e desinfección dos materiais.

Inserción laboral

Outro dos aspectos que a conselleira de Política Social destacou desta compañía é a importante inserción laboral das persoas con discapacidade. O 80% do seu cadro persoal en toda España ten algún tipo de discapacidade, polo que fomenta a valía e as habilidades destas persoas no ámbito laboral.

Fabiola García salientou, neste sentido, a firme aposta da Xunta de Galicia pola atención ás persoas con discapacidade, que duplicou os seus orzamentos para este fin desde o ano 2009, ata chegar neste exercicio a 126 millóns de euros.

Ilunion conta con protocolos sanitarios para evitar a contaminación de roupa limpa, para iso aplica procesos como a termo desinfección e a barreira sanitaria, na que se separan a zona de roupa limpa daquela que aínda está sucia. Esta lavandería inclúe maquinaria especializada como túneles de desinfección ou sistemas de control de calidade.

Imaxes relacionadas