A Xunta adxudica tres vivendas de promoción pública nas rúas Ribeira Berbés 41 e Abeleira Menéndez 16 no casco vello vigués

A presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo e delegada territorial en Vigo, Marta Fernández-Tapias, sinala que é o undécimo sorteo convocado polo CCVV

Insiste na intensa labor desenvolvida polo Consorcio, que supuxo a adquisición de 82 inmobles e a posta no mercado de 111 vivendas de protección autonómica
 

Vigo, 5 de maio de 2021

A delegada da Xunta e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), Marta Fernández-Tapias, deu apertura hoxe ao sorteo de tres novas vivendas de promoción pública na fase final de adxudicación por parte do Instituto Galego de Vivenda e Solo.

En total, 132 persoas aspiraban á adquisición de dúas vivendas na rúa Ribeira Berbés 41 e unha na rúa Abeleira Menéndez 16 impulsadas polo consorcio, participado nun 90% pola Xunta de Galicia e nun 10% polo Concello de Vigo.

O sorteo, celebrado a porta pechada por mor da covid-19 e ante notario como é preceptivo, permitiu establecer a orde na que os solicitantes admitidos optan a cada unha das tres vivendas. A resolución do que é o undécimo sorteo destas características convocado polo CCVV desde a súa creación poderase consultar na páxina web do IGVS.

Segundo informou, no caso das dúas promocións da fachada marítima, a primeira delas ocupa as plantas baixa e primeira e esténdese sobre unha superficie de 69,70 metros cadrados cun prezo de venta de 122.000 euros; a segunda son 86,98 metros cadrados repartidos entre o segundo e terceiro andar, e está valorada en 154.000 euros.

Sobre esta construción, Fernández-Tapias destacou a singularidade da que é a primeira rehabilitación abordada directamente polo CCVV na emblemática praza, onde recordou a Universidade de Vigo constrúe en edificios do Consorcio a súa sede e a Axencia Turismo de Galicia o primeiro albergue de peregrinos do Camiño Portugués pola Costa. Asemade, indicou que se está a intervir en Berbés 29 e 31, o que permitirá proximamente dispoñer de catro vivendas máis e un local comercial nesta zona.

En canto a Abeleira Menéndez 16, apuntou que é oitava recuperación dun edificio nesta rúa, recoñecida como unha das construcións de tipoloxía tradicional máis fermosas do centro histórico no Plan Especial de Reforma Interior do Casco Vello. A vivenda en cuestión ocupa dúas plantas, 92,12 metros de superficie útil e un prezo de venta de 157.000 euros.

Neste sentido, Fernández-Tapias destacou a intensa labor de rehabilitación desenvolvida polo Consorcio Casco Vello de Vigo desde a súa constitución, coa adquisición de 82 edificios e a posta no mercado de 111 vivendas de protección autonómica (VPA). Especialmente nunha cidade, dixo, que acumula o maior número de demandantes de vivenda e que carece de Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).

Imaxes relacionadas