O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, recolleu hoxe o galardón

Os Premios Nacionais de Mobilidade recoñecen a contribución da Business Factory Auto á competitividade da industria da automoción en Galicia

Conde fai extensivo o premio a todas as entidades que colaboran coa Xunta nesta iniciativa: o Grupo Stellantis, Ceaga e o Consorcio Zona Franca de Vigo

Apunta que é un motivo máis para seguir apostando polo traballo conxunto e polo liderado desta industria a partir do emprendemento, a innovación e o talento

Madrid, 5 maio de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, recolleu hoxe o premio que a Plataforma de Empresas pola Mobilidade Sustentable lle outorgou á Business Factory Auto (BFAuto). Segundo dixo, é un recoñecemento a todo canto esta aceleradora está contribuíndo á competitividade do sector galego da automoción.

Nesta primeira edición dos Premios Nacionais de Mobilidade, celebrados en Madrid, Conde quixo facer extensivo o premio –recollido na categoría ONG, Fundación, Asociación– a todas as entidades que colaboran coa Xunta de Galicia nesta iniciativa: o Grupo Stellantis, Ceaga e o Consorcio Zona Franca de Vigo. E, neste liña, apuntou que é un motivo máis para seguir apostando polo traballo conxunto e polo liderado desta industria a partir do emprendemento, a innovación e o talento.

O vicepresidente económico recoñeceu que a Business Factory Auto é un gran exemplo da colaboración e sinerxías que existen en Galicia entre as pemes e as grandes empresas do sector. E rematou apuntando que, ao seu abeiro, xa se crearon 53 novas empresas, que xa acadan unha facturación de máis de 80 millóns de euros e 450 postos de traballo.

Imaxes relacionadas