A Xunta outorga máis de 70.000€ en axudas para a adquisición de novidades editoriais en galego e a mellora de coleccións a 37 bibliotecas das bisbarras de Pontevedra, Caldas e O Salnés

O delegado territorial, Luis López, informa desta liña de achegas nunha visita á Biblioteca Municipal de Cuntis xunto ao alcalde, Manuel Campos

Un total de 24 concellos destas tres comarcas recibirán fondos da Consellería de Cultura, Educación e Universidade para ampliar os seus volumes bibliográficos

“É fundamental seguir apoiando a cultura e aos creadores e tamén achegar a literatura aos cidadáns a través da ampla rede de bibliotecas”, detalla Luis López

Cuntis, 5 de maio de 2021

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, vén de outorgar máis de 70.000 euros en axudas para a adquisición de novidades editoriais en galego e para a mellora de coleccións bibliográficas a 37 bibliotecas municipais e axencias de lectura das bisbarras de Pontevedra, Caldas e O Salnés.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou desta liña de achegas, que acaba de ser aprobada, nunha visita á Biblioteca Municipal de Cuntis xunto ao alcalde, Manuel Campos. O Concello de Cuntis recibirá fondos das dúas liñas habilitadas pola Xunta e contará con 2.400€ para ampliar a dotación de volumes.

“É fundamental seguir apoiando a cultura e aos creadores e tamén achegar a literatura aos cidadáns a través da ampla rede de bibliotecas que hai por toda Galicia”, detallou Luis López, que explicou que esta orde inclúese no compromiso da Xunta para fomentar a cultura nas contornas rurais e urbanas ao tempo que se colabora co sector editorial.

Así, un total de 24 concellos das comarcas de Pontevedra, Caldas e O Salnés van recibir estas achegas da consellería, que destinou un total de 550.000 euros para esta iniciativa, orientada a todas as instalacións municipais integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia.

A primeira liña, para a compra de novidades editoriais en galego en formato físico, permite que as bibliotecas incorporen estes libros dende o momento da súa entrada no mercado mediante un proceso áxil e atendendo á demanda.

A segunda orde de axudas céntrase na mellora das coleccións bibliográficas de bibliotecas e axencias de lectura públicas para que os concellos poidan actualizar os seus fondos e os traballadores dispoñan de máis marxe para planificar a adquisición das novidades editoriais e se poida aumentar a oferta aos usuarios con especial fincapé nas campañas de verán e Nadal, nas que adoita subir a demanda.

“Trátase de contías e achegas que, no eido literario, son importantes, xa que poden incorporar, nalgún dos casos, máis de 500 exemplares e ademais cos títulos e as obras máis recentes, que soen espertar un maior interese entre os lectores”, concretou o delegado.

Imaxes relacionadas