A Xunta inicia as obras da nova depuradora de Sergude para a mellora do saneamento en Boqueixón, que suporán un investimento autonómico de máis de 1,8 millóns de euros

Esta intervención ten como obxectivo mellorar as infraestruturas de saneamento e unificar o tratamento das augas residuais nos núcleos de Sergude e de Lestedo

Constrúese unha nova instalación, deseñada para 3.000 habitantes equivalentes, xunto á xa existente para triplicar a capacidade da depuradora actual

A actuación enmárcase nun convenio de colaboración co Concello, que asume a posta á disposición dos terreos e a súa conservación e mantemento unha vez finalizadas as obras, que financia maioritariamente Augas de Galicia

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de iniciar as obras de execución da nova estación depuradora de augas residuais de Sergude, en Boqueixón.

As obras, cun investimento de máis de 1,8 millóns de euros, contan cun prazo de execución de 12 meses.

A intervención do departamento que dirixe Ethel Vázquez, ten como obxectivo mellorar as infraestruturas de saneamento nos núcleos de Sergude e de Lestedo e unificar o tratamento das súas augas. A capacidade de tratamento das augas residuais da depuradora existente, deseñada para 1.000 habitantes equivalentes resulta insuficiente.

Os traballos consisten na execución da estación depuradora de augas residuais en Sergude e colectores, deseñada para 3.000 habitantes equivalentes, o que permitirá triplicar a capacidade da depuradora actual.

Esta depuradora sitúase xunto á xa existente e, mentres se acometen as obras, a actual estación de tratamento de augas residuais permanecerá en servizo. A nova depuradora incluirá os seguintes procesos: liña de auga, liña de fangos e redes auxiliares de proceso.

Estas obras, inscríbese no marco do convenio de colaboración asinado co Concello de Boqueixón desde Augas de Galicia, que se encarga de achegar a maior parte do financiamento e contratar a execución das obras, correspondéndolle á entidade local o cofinanciamento, a xestión dos terreos para a futura planta de tratamento de augas residuais e a asunción da súa conservación e explotación unha vez rematados os traballos.

As actuacións contan co cofinanciamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Imaxes relacionadas