O director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García, reuniuse hoxe coa alcaldesa do municipio, Noelia Rodríguez

Ribadavia deberá incluír os inmobles da súa propiedade pendentes de rehabilitación no Plan de dinamización da Área Rexurbe

O futuro documento, que debe redactar o propio Concello, incluirá as actuacións previstas neste ámbito e as estratexias a seguir para acadar os resultados previstos

Este ano, o IGVS prevé adquirir novos inmobles para rehabilitar na vila ourensá, para o que realizou unha oferta pública de adquisición na que se reservan 250.000 euros só para compras dentro do ámbito da Área Rexurbe
 

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2021

O Concello de Ribadavia deberá establecer, no marco do futuro Plan de dinamización da Área Rexurbe declarada o ano pasado nesta localidade, o destino dos inmobles de titularidade municipal que pretendía ceder á Xunta de Galicia ou ben vender a terceiros.

No transcurso dunha reunión celebrada hoxe en Santiago, o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, explicoulle á alcaldesa, Noelia Rodríguez, que o devandito plan –que ten que elaborar o Concello deberá establecer as actuacións de rehabilitación e mellora que se pretenden realizar e as estratexias para acadar os obxectivos establecidos. Por esta razón, o máis procedente é que a Administración local inclúa as propiedades municipais no devandito plan, indicando os usos que se lle poden dar aos inmobles, entre eles, a execución de actividades de dinamización do conxunto histórico.

A Área Rexurbe, declarada pola Xunta o 2 de xuño de 2020, supón a intervención conxunta das administracións local e autonómica para acadar a rehabilitación e renovación do ámbito incluído na mesma a través de actuacións destinadas a reactivar o centro histórico da vila.

Desta maneira, non se trata só de actuar sobre inmobles de titularidade municipal, xa que a Xunta está adquirindo edificios para rehabilitar no conxunto histórico de Ribadavia. Así, en 2019 comprou o inmoble emprazado en Cervantes nº16 o pasado 16 de marzo xa se licitou a redacción do proxecto de rehabilitación deste edificio e en 2020, os localizados na Praza de San Xoán nº3 e en García Boente nº1, cun investimento total de máis de 337.000 euros.

Ademais, este ano o IGVS prevé adquirir novos inmobles no concello ourensán para rehabilitalos e destinalos a vivendas en réxime de alugueiro, para o que xa realizou unha oferta pública de adquisición na que reserva 250.000 euros para mercar inmobles dentro do ámbito da Área Rexurbe de Ribadavia. Os propietarios interesados teñen aínda ata o vindeiro 9 de xullo para presentar as súas ofertas ante o organismo autonómico.