A conselleira de Política Social, Fabiola García, acompañada do delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, asinou un convenio coa entidade

A Xunta impulsará as iniciativas da Federación Galega de Xoves Empresarios a través da súa adhesión ao carné xove

Os locais integrados nesta entidade ofrecerán descontos e vantaxes

O Goberno galego está a enviar o Carné Xove, que xa é gratuíto e indefinido, ao 100% das mozas e mozos de entre 12 e 30 anos

Porase en marcha unha aplicación móbil para ter acceso a unha listaxe de promocións xeolocalizadas

San Cristovo de Cea (Ourense), 4 de maio de 2021

A Xunta de Galicia impulsará as iniciativas e comercios integrados na Federación Galega de Xoves Empresarios (Fegaxe-Aje Galicia) a través da súa adhesión ao Carné Xove. A conselleira de Política Social, Fabiola García, acompañada do delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, asinou esta mañá o convenio nun dos negocios que se sumou a esta iniciativa, Nela Biosense, situado no polígono de San Cristovo de Cea. Este acordo permitirá incluír os establecementos da entidade de ámbito autonómico nos descontos e vantaxes desta axuda destinada a mozas e mozos de entre 12 e 30 anos.

Trátase dunha das iniciativas postas en marcha polo Goberno galego o pasado mes de decembro para dar continuidade a este carné con tanta tradición na Comunidade e que inclúe descontos no ámbito cultural, no aloxamento, nos transportes, no comercio ou no ensino. Unhas vantaxes que son recoñecidas en toda España e nos 40 países europeos adheridos ao programa Carné Xove Europeo.

Fabiola García sinalou, entre outras novidades desta axuda, que pasará a ser gratuíta, indefinida e accesible ao 100% da xuventude galega. De feito, nas últimas semanas xa está comezando a chegar ás casas das 400.000 mozas e mozos galegos. Así mesmo, a Xunta porá en marcha unha aplicación móbil que permitirá ter acceso a un listado de descontos e promocións xeolocalizados.

Impulso ao comercio local

A conselleira puxo en valor o traballo realizado desde a Federación Galega de Xoves Empresarios impulsando o emprendemento da xuventude e promocionando a súa creatividade e cultura empresarial.

Neste sentido, destacou que con este convenio trátase de achegar o Carné Xove ao comercio local, pero tamén de promover e axudar a estes novos empresarios que se adherirán a lista doutros 1.000 locais xa integrados do ámbito da educación, o ocio, os transportes ou o aloxamento.

Imaxes relacionadas