A Xunta impulsa 244 plans de internacionalización de pemes galegas en case 60 países

As axudas achegadas a través da última convocatoria resolta do Galicia Exporta Empresas ascenden a case 6M€

O Goberno galego adaptou o programa ás necesidades provocadas pola pandemia da covid-19 para facilitar a reactivación do tecido empresarial e a mellora da competitividade no actual contexto económico

Permanecen abertos os prazos de solicitude das axudas das novas convocatorias do Galicia Exporta Dixital, o Foexga, o Cheque Brexit e o programa de apoio á contratación de expertos en comercio exterior
 

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2021

A Xunta de Galicia achega preto de 6M€ a 244 pemes galegas para desenvolver plans de internacionalización en 125 cidades de 58 países a través do Galicia Exporta Empresas, unha das liñas de axudas de apoio á presenza exterior das compañías galegas que a Administración autonómica reforzou para atender as necesidades do tecido produtivo galego provocadas polo novo contexto económico derivado da pandemia da covid-19.

Como publica hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG), os plans de internacionalización apoiados a través da convocatoria que se vén de resolver, activada o pasado ano e cofinanciada con fondos Feder, inclúen a creación de tendas en liña, campañas en medios no estranxeiro, a participación en accións de promoción internacional e a planificación de axendas de contactos e seguimento de clientes no exterior, entre outras.

O programa incorpora nesta edición como novidades o apoio a misións inversas individualizadas, coa promoción de visitas de clientes, importadores e promotores ás sedes das empresas, así como o apoio á operatividade internacional das compañías, como gastos de seguros de créditos ás exportacións, certificacións, xestións de acordos comerciais ou rexistros de marcas e patentes no estranxeiro. Ademais, para adaptarse á situación xerada pola pandemia, o Galicia Exporta Empresas inclúe por vez primeira a participación en feiras e outros eventos expositivos dixitais e xornadas formativas realizadas en liña dirixidas ao público internacional.

Os apoios aprobados van supor unha mobilización de máis de 8,5 millóns de euros e cobren o 70% dos custos dos plans de internacionalización, cunha achega máxima por solicitude e compañía de 91.000 euros. Por sectores produtivos, destacan as empresas beneficiarias do eido da alimentación, as TIC, o téxtil, os servizos, a madeira-moble, a maquinaria, o naval ou a construción. En canto aos países de destino elixidos, inclúense mercados como China, Estados Unidos, Corea do Sur, Australia, Brasil, Arxentina, Chile, Perú, Colombia, México, Emiratos Árabes Unidos, India, Indonesia, Malaisia, Marrocos, Xapón ou Tailandia, así como distintos países europeos.


Outras medidas de impulso á internacionalización

Este programa é complementario do Galicia Exporta Organismos Intermedios e o Galicia Exporta Dixital, que conta con 6 millóns de euros na súa última convocatoria para impulsar as vendas internacionais de pemes, autónomos e comercios a través de ferramentas dixitais innovadoras e cuxo prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o vindeiro 30 de xuño. Tamén está aberto a prazo para pedir os apoios da última edición do Foexga, plan desenvolto en colaboración coas cámaras de comercio para impulsar accións de internacionalización en máis de 20 países.

Estas liñas forman parte do conxunto de medidas que a Xunta vén de reforzar e activar para 2021 e 2022 co obxectivo de acompañar o traballo das empresas galegas, especialmente das pemes, no fortalecemento da súa presenza no exterior no actual contexto económico. Entre elas figura a Oficina Brexit, un paquete de apoios que se vén de poñer en marcha para facilitar que as compañías galegas exportadoras e importadoras se adapten aos requisitos derivados da saída do Reino Unido da Unión Europea. Así, está aberto o prazo de solicitude das axudas dunha das liñas que inclúe o Cheque Brexit, que conta cun orzamento dun millón de euros.

Ademais, as empresas interesadas na contratación de expertos en comercio exterior poden acollerse aos apoios do programa que, cunha dotación de dous millóns de euros na convocatoria que está aberta, facilitará a incorporación ao mercado laboral de 75 mozos e maiores de 45 anos en situación de desemprego, que desenvolverán proxectos de internacionalización nas pemes e organismos empresariais que os contraten.
 

Imaxes relacionadas