A Xunta publica no DOG a modificación do proxecto sectorial do parque empresarial da Sionlla

O delegado da Xunta destacou que este documento dará resposta ás necesidades detectadas durante a comercialización do polígono industrial compostelán

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2021

A Xunta publica hoxe no DOG (Diario Oficial de Galicia) a modificación do proxecto sectorial do parque empresarial da Sionlla, en Santiago de Compostela, para dar resposta ás necesidades detectadas durante a comercialización do parque.

Trenor destacou que “entre as novidades incluídas neste documento destacan a simplificación das ordenanzas particulares para facilitar a implantación de actividades en solo de uso mixto industrial-terciario e a ampliación do uso terciario das parcelas acaroadas en esquina, incluíndo a posibilidade de desenvolver uso hoteleiro nelas”.

Ademais, este texto recolle a simplificación da ordenanza de edificación semiacaroadas, fundamentalmente na definición de recuamentos e da parcela mínima e máxima e o aumento da ocupación do 50% ao 70% en parcelas con edificación exenta.

Trenor tamén explicou que a partir de agora elimínase a obriga de realizar estudos de detalle para parcelas de máis de 10.000m2 con edificación exenta e modifícanse as condicións dos cerramentos de parcela e a definición das condicións dos muros de contención en interior de parcelas. Finalmente, esta modificación tamén recolle a simplificación da tramitación dos permisos de vertedura e actualizacións da normativa sectorial relativa ás servidumes aeronáuticas.

Este parque empresarial, cunha superficie de 305.697 metros cadrados, ten 63 parcelas dispoñibles que contan cunha bonificación do 30% sobre o prezo de venda. O representante do Goberno autonómico destacou que o obxectivo da Xunta con estas bonificacións é “ofrecer chan industrial con bos servizos e a un prezo competitivo para facilitar a implantación de novos proxectos empresariais en Galicia”.
 

Imaxes relacionadas