O Sergas ofrece mañá a quinta sesión do ciclo de conferencias sobre benestar emocional dirixidas aos profesionais da sanidade

Nazareth Castellanos, licenciada en Física teórica e doutora en Neurociencia será a encargada de impartir a conferencia titulada “Bioloxía da actitude”

A iniciativa, á que están invitados os 44.000 traballadores do Sergas e entidades adscritas, enmárcase dentro do Plan de intervención psicosocial para o apoio e atención ao persoal do Servizo Galego de Saúde na Pandemia da covid-19

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2021

O Servizo Galego de Saúde ofertará mañá, martes día catro, unha nova conferencia dentro do ciclo que está a impartir para coidar o benestar emocional dos seus traballadores. Nesta ocasión, a encargada da conferencia que leva por título “Bioloxía da actitude” será Nazareth Castellanos, licenciada en Física Teórica e doutora en Neurociencia.

No transcurso desta sesión, os participantes poderán coñecer a influencia recíproca que teñen corpo e mente. A través dun percorrido polo corpo humano, amosarase o xeito en que o intestino, a respiración o corazón ou mesmo a postura corporal inflúen no noso estado de ánimo e na percepción que temos do mundo. Así mesmo, farase finapé no xeito no que a actitude é capaz de moldear a comunicación entre corpo e mente

Con esta, son xa cinco as sesións impartidas dentro do ciclo “Coidando o noso benestar emocional”, que está enmarcado dentro do Plan de intervención psicosocial para o apoio e atención ao persoal do Sergas na pandemia da covid-19, e que foi posto en marcha pola Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde. Están invitados a participar os 44.000 traballadores do Sergas e entidades adscritas.

Neste contexto, a Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS) e o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia asinaron hoxe un acordo de colaboración para a organización de seis das conferencias que se impartirán no ciclo. Será o propio COPG o encargado de seleccionar tanto a temática destas charlas como os ponentes que as levarán a cabo.

As conferencias teñen lugar ás 18.30 da tarde do primeiro e o terceiro martes de cada mes, entre os meses de marzo e xullo. Emítense en directo na canle de Youtube da Axencia de Coñecemento en Saúde a través da súa web https://acis.sergas.es/ Logo de ser emitidas quedan gravadas e dispoñibles para todo o persoal do Servizo Galego de Saúde nunha sección específica na Aula virtual de ACIS.