A Xunta propón a concellos e sindicatos de Ferrolterra facer desta comarca un polo enerxético aproveitando os recursos e capacidades instaladas

O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo hoxe sendas reunións cos gobernos locais e as centrais sindicais da zona para deseñar as bases dun Pacto de Estado por Ferrol

Apela á unidade de acción e a implicación de todos os axentes económicos e sociais, así como dos partidos políticos para ofrecer respostas claras e definitivas ás necesidades desta zona

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo este mediodía un encontro con alcaldes das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, no marco da rolda de contactos que o Goberno galego vai realizar con todos os axentes económicos e sociais e os partidos políticos da zona para deseñar as bases dun Pacto de Estado por Ferrol. Neste sentido, hoxe pola tarde tamén se entrevistará con representantes sindicais desta zona. O obxectivo é contar cunha folla de ruta que inclúa medidas, prazos e orzamentos concretos para a recuperación e transformación da comarca.

En ambas as dúas reunións, a Xunta de Galicia trasladou aos asistentes a proposta de facer da comarca un polo enerxético, aproveitando a existencia de man de obra cualificada, un tecido industrial con empresas que poderían exercer un efecto tractor e a presenza de industria auxiliar diversificada. Sería unha oportunidade para avanzar na transición ecolóxica e a transformación industrial que se promove baixo o contexto dos fondos europeos Next Generation a través da produción de biocombustibles, o impulso do gas natural licuado (GNL) como fonte enerxética ou o desenvolvemento de hidróxeno verde e enerxías renovables.

Neste sentido, a Xunta defende unha transición ecolóxica compatible coa actividade industrial apostando pola modernización e transformación das empresas, con especial atención a pemes e autónomos.

Na xuntanza, Conde apelou á unidade de acción e á implicación de todas as Administracións e axentes a través dun pacto de Estado que coordine todas as políticas necesarias baixo un mesmo criterio: ofrecer respostas claras e definitivas ás necesidades de Ferrolterra. Desde a Xunta, todas as consellerías están mobilizadas para identificar, aprobar e poñer en marcha as medidas oportunas.

Ferrol perdeu case 30.000 habitantes, un terzo da súa poboación, nos últimos 40 anos e sitúase como a cidade coa taxa de paro máis alta de Galicia (17,9%) e coas taxas de actividade e de emprego máis baixas da Comunidade (43,5% e 35,7%, respectivamente). A situación agrávase aínda máis coas actuais expectativas, ante o peche da central térmica das Pontes; a falta de carga de traballo para Navantia; a situación da planta de Siemens-Gamesa; ou a incerteza no sector electrointensivo; ao que se suma o impacto de factores comúns como o Brexit e as consecuencias da pandemia da covid-19. Por todo isto, Ferrolterra precisa dun compromiso colectivo que permita deseñar un Pacto de Estado que sexa de todos e para todos.

Imaxes relacionadas