Os consumidores poden solicitar desde hoxe os descontos de 30 euros que financia a Xunta para mercar no pequeno comercio

O delegado territorial, Javier Arias, explicou que as persoas interesadas terán que darse de alta na web bonosactivacomercio.gal para descargar os bonos, que funcionarán de forma virtual mediante unha aplicación móbil

Na provincia de Lugo xa hai 474 establecementos adheridos e o prazo para que se inscriban novos negocios segue aberto ata o 15 de maio
 

Lugo, 3 de maio de 2021

A Xunta de Galicia abre hoxe o prazo para que as persoas interesadas poidan solicitar os bonos con descontos de 30 euros para mercar no pequeno comercio, no marco do programa Bono Activa Comercio que impulsa a Vicepresidencia económica dentro das medidas para reactivar o sector.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou varias tendas da cidade para informar sobre os detalles desta iniciativa, que ten aberto ata o 15 de maio o prazo para que se inscriban os comercios rexentados por autónomos e pemes. Neste momento xa se adheriron na provincia de Lugo 474 establecementos. Arias estivo acompañado polo presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, e a presidenta da Federación de Autónomas de Lugo, Marta López, entre outras persoas.

A Vicepresidencia económica e Consellería de Economía, Empresa e Innovación habilitou a plataforma bonosactivacomercio.gal para que os negocios se inscriban na campaña e reciban un distintivo para colocar nun lugar visible dos seus locais. No mesmo sitio web os clientes poden darse de alta e descargar os bonos, ademais de consultar a listaxe de comercios nos que poden obter os descontos.

O bono terá formato dixital a través dun código QR e funcionará mediante unha aplicación para descargar no móbil. A contía da rebaixa dependerá do valor da compra: por un gasto igual ou superior a 30 euros descontaranse 5 euros; e por un gasto de 50 euros ou máis descontaranse 10 euros.

Arias explicou que a iniciativa pretende fomentar as vendas e forma parte do plan de apoio ao comercio galego impulsado pola Xunta, que tamén inclúe o bono para mellorar as instalacións eléctricas de pemes e autónomos e as axudas para a substitución de electrodomésticos nos fogares.

Por último, o delegado salientou o “gran esforzo que está a facer este sector adaptándose de forma exemplar ás medidas anticovid” e apuntou que desde a Xunta “estamos a adoptar distintas medidas de apoio para tratar de paliar as mermas nos ingresos como consecuencia da crise sanitaria”.
 

Imaxes relacionadas