A Xunta contará cunha Estratexia galega de minaría sostible para orientar a actividade cara a un desenvolvemento económico, social e ambiental máis eficiente e racional

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, mantivo un encontro esta mañá no Porriño co Cluster do Granito

Destaca a contribución do sector á economía galega e o traballo innovador da Fundación Centro Tecnolóxico do Granito
 

O Porriño (Pontevedra), 3 de maio de 2021

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, mantivo esta mañá unha reunión co Clúster do Granito que se completou coa visita a varias canteiras en activo da zona, así como á canteira restaurada Ferro. A directora avanzou que a Xunta vai iniciar a elaboración dunha Estratexia Galega de Minaría Sostible para orientar a actividade dos vindeiros anos cara a un desenvolvemento económico, social e ambiental máis eficiente e racional.

Uría puxo en valor a contribución do sector do granito ao desenvolvemento económico da Comunidade, xa que a actividade das empresas axuda a fixar poboación e a dinamizar o seu contorno, e destacou a súa capacidade de evolución cara a un sector con maior valor engadido. Ademais, salientou o importante traballo que está a levar a cabo a Fundación Centro Tecnolóxico do Granito, un centro de referencia de innovación sectorial especializado.

A directora trasladou o apoio ao sector e explicou os acordos que existen para apoiar o funcionamento da Fundación e para impulsar un desenvolvemento sustentable a través da implantación dun selo de minería sustentable e unha ecoetiqueta.

A Xunta defende que un dos principias retos para o sector é camiñar pola senda da modernización tecnolóxica e a innovación, así como da economía circular. Neste sentido, a introdución de instalacións innovadoras permite a mellora na calidade dos produtos e unha redución dos custos de produción.

Desde a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación ofrécense incentivos ás empresas do sector para a loita contra as enfermidades profesionais mediante a aplicación de tecnoloxías innovadoras e técnicas que poden mellorar a calidade do ambiente atmosférico, por exemplo. Este ano destínanse 1,3M€. Ademais, a través do Inega, as empresas do sector poden beneficiarse das axudas para actuacións de eficiencia enerxética ou para proxectos de aforro ou de enerxía fotovoltaica.
 

Imaxes relacionadas