O conselleiro de Educación e o secretario xeral para o Deporte asinan un protocolo de colaboración

A Xunta fomentará o deporte no ámbito escolar como medida complementaria ao Plan Recupera

O obxectivo é introducir a práctica deportiva de forma transversal no ensino, favorecendo que os hábitos saudables cheguen ao 100% do alumnado e apoien o seu rendemento académico

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, asinaron hoxe un protocolo de colaboración para o fomento do deporte no ámbito escolar como medida complementarias ao Plan Recupera.

A actuación estruturarase a través dun grupo de traballo Educación-Deporte constituído por profesionais do ámbito da actividade física e profesionais da educación, que analizarán a situación actual do deporte escolar e deseñarán accións para a integración do deporte en todos os niveis educativos, especialmente no horario lectivo.

Neste contexto, porase en valor o labor desenvolvido desde hai anos entre a poboación escolar polo programa XOGADE e estudarase a implantación de novas prácticas físico-deportivas como os deportes urbanos. Así mesmo, buscarase ampliar o interese pola actividade física ao alumnado que non o presenta e promoveranse estes hábitos saudables a través da creación e difusión de material didáctico nos centros educativos.

Tal e como explicou o conselleiro, “este protocolo é tan só un paso máis na busca conxunta de sinerxías positivas que dean resposta ás necesidades e demandas do alumnado galego”, e con el o Goberno galego quere favorecer a implementación de proxectos de vida activa nos centros educativos mediante a colaboración interinstitucional.

Neste sentido, explicou que o fomento da práctica deportiva no horario lectivo fai posible que o 100% da poboación escolar a desenvolva, garantindo que todos teñan acceso a estas prácticas físico-deportivas. “Queremos que, a través desta iniciativa, o deporte funcione como un factor de desenvolvemento persoal e social do alumnado, que axude a mellorar a saúde e a calidade de vida dos máis novos e que apoie o rendemento académico”, explicou Román Rodríguez.

Pola súa banda, o secretario xeral para o Deporte sinalou que a actividade física e o deporte deben ter unha “presenza insubstituíble no desenvolvemento persoal e social”. Para iso fixo fincapé na necesidade de “potencialo dende as idades mais novas, a través da continuo aprendizaxe de condutas e valores, e nas entornas naturais de colexios, familias e por suposto das entidades deportivas”. Neste sentido destacou a importancia das agrupacións deportivas escolares e dos docentes para a adquisición dunha práctica deportiva “cada vez mais estendida, e sempre libre, democrática e igualitaria”. “Uns hábitos que os van acompañar toda a vida”, dixo.

Con respecto ao regreso do programa Xogade, “pioneiro e único en España por contemplar a actividade federada entre os 6 e os 16 anos e que é directamente amparado a través do seguro deportivo pola Xunta”, Lete Lasa destacou o seu modelo “inclusivo, mixto e sen prexuízos”. Do mesmo xeito garantiu a volta segura de arredor de 130.000 nenos e nenas á actividade deportiva escolar, axustada ao protocolo FISICOVID-DXTGALEGO e na que cada entidade participante deberá ter ademais un responsable Covid que xestionará a notificación de posibles incidencias.

Plan Recupera

A actividade que se desenvolva ao abeiro do protocolo asinado hoxe estará coordinada coas accións que se desenvolvan ao abeiro do Plan Recupera, a iniciativa do Goberno galego para apoiar ao alumnado que máis o precise e que ninguén quede atrás desde o punto de vista académico.

Non en balde, a Xunta vén de constituír un grupo de traballo específico no seo do Comité Educativo formado por un equipo multidisciplinar e técnicos da Consellería de Cultura, Educación e Universidade para definir as accións e planificar as estratexias deste plan. Entre outros, abordaranse expresamente os novos desafíos no ámbito do deporte como un elemento transversal, incidindo no papel que xoga a actividade física e o deporte para a formación integral do alumnado.

Imaxes relacionadas