Preto de 200 concellos benefícianse das axudas da Xunta para mellorar a oferta das súas bibliotecas e axencias de lectura

O Diario Oficial de Galicia publica a resolución por un importe de 550.000 euros, para novidades editoriais e completar as súas coleccións bibliográficas

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade incrementa este ano o apoio ás actividades das bibliotecas cun 3,4% máis de investimento

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2021

Un total de 189 concellos beneficiaranse este ano das axudas da Xunta de Galicia para mellorar as coleccións bibliográficas e dotar de novidades editoriais ás súas bibliotecas e axencias públicas de lectura municipais integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia, para o que o Goberno autonómico destina 550.000 euros.

Como publica o Diario Oficial de Galicia, os beneficiarios inclúense en dúas liñas de subvencións, unha para a adquisición de novidades editoriais en galego en formato físico e a outra para a mellora das coleccións bibliográficas. Coa primeira liña de axudas, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade ofrece aos usuarios estas novidades editoriais en galego no momento da súa entrada no mercado, mediante un proceso de compra de libros en formato físico a cargo das entidades locais en función da demanda das súas bibliotecas e axencias de lectura.

A segunda liña mellora as coleccións bibliográficas das bibliotecas e axencias de lectura públicas. A Xunta continúa a facilitar deste xeito que os concellos actualicen as coleccións das súas bibliotecas e que os traballadores teñan máis marxe para planificar as adquisicións de novidades. Tamén se incrementa a oferta aos usuarios, atendendo de forma especial ás campañas de verán e Nadal, nas que se aumenta a demanda.

Apoio ao sector do libro

Esta liña de axudas inclúese no compromiso da Xunta por fomentar a cultura nos entornos rurais e urbanos e apoiar tamén ao sector editorial. Neste sentido, o Goberno autonómico incrementa este ano o apoio ás actividades das bibliotecas cun 3,4% máis de investimento e reforza o apoio ao sector do libro con incrementos en partidas de promoción da lectura e do libro ou a inclusión de novas partidas para a promoción e comercialización do libro galego e do libro en librarías, neste caso cun investimento superior ao millón de euros.