Os bonos desconto da Xunta de Galicia para realizar compras no comercio de proximidade poden descargarse a partir de mañá

Cada cliente disporá de 30 euros que se irán consumindo en función do valor da compra realizada nos establecementos que participan no programa Bono Activa Comercio

Nestes momentos hai máis de 2500 comercios adheridos pero os interesados poden seguir sumándose ata o vindeiro 15 de maio

Enmarcados no paquete de medidas específicas deseñadas polo Goberno galego para o sector, estes bonos pretenden chegar a 330.000 persoas e mobilizar 55M€ no comercio de proximidade

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2021

A Xunta de Galicia informa de que a partir de mañá, luns 3 de maio, os galegos e galegas xa poden descargar os bonos desconto para consumir no comercio galego a través da iniciativa Bonos Activa Comercio da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación. O obxectivo é reactivar o comercio local dinamizando as vendas nos establecementos de proximidade.
O programa conta cun orzamento de 10M€ cos que se prevén mobilizar 55 millóns neste sector e chegar a 330.000 clientes a través de bonos desconto de 30 euros.

Os clientes interesados deberán rexistrarse na web www.bonosactivacomercio.gal e poderán descargar os bonos desconto de 30 euros a través dunha aplicación móbil. O importe de cada bono irase consumindo en función do valor da compra: as compras iguais ou superiores a 30 euros terán un desconto de 5€, mentres que ás compras iguais ou superiores a 50 euros lles corresponde un desconto de 10€.

Nestes momentos hai máis de 2500 establecementos adheridos en toda Galicia que contan cun distintivo que os identifica como participantes neste programa. A tipoloxía que suma un maior número de negocios é a de vestido e toucado; seguida de calzado, artigos de pel e imitación ou produtos substitutivos, cintos, carteiras, bolsos, maletas; así como material e aparellos eléctricos, electrónicos ou electrodomésticos. Os comerciantes interesados aínda están a tempo de adherirse xa que o prazo permanece aberto ata o 15 de maio.

Os Bonos Activa Comercio forman parte do paquete de medidas específicas para o sector que a Xunta de Galicia está a poñer en marcha para acompañar o comercio de proximidade na súa reactivación, e que contará con polo menos 20 millóns de euros en axudas para reforzar a competitividade do sector a través de iniciativas que permitan a súa modernización e incentiven o consumo.

Así, no mes de abril, a Xunta tamén activou outras actuacións como o Renove Electrodomésticos, a través do que se investirán 3M€ para que 20.000 fogares renoven os seus electrodomésticos; ou o Bono Enerxía Peme e Comercio, que destinará 3M€ tanto á mellora como a renovación dos sistemas eléctricos, iluminación ou climatización para incrementar a eficiencia enerxética de 1000 pemes e autónomos do comercio, a hostalería e as actividades artísticas, recreativas e de entretemento.

Imaxes relacionadas