A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publicará nos vindeiros días a Memoria de Tráfico correspondente ao pasado ano

A rede autonómica de estradas rexistrou de media en 2020 case un 21% menos de tráfico que o ano anterior polas restricións de mobilidade derivadas da pandemia

As estradas de titularidade autonómica acadaron unha media de 2.549 vehículos ao día, dato que se elevou nas vías de alta capacidade a 6.917

O tráfico nas estradas autonómicas das provincias de Pontevedra e da Coruña foi superior á media rexistrada en Galicia, con máis de 3.500 vehículos ao día en ambos os dous casos

Case o 9% dos vehículos rexistrados polas estacións de aforo da rede viaria da Xunta foron vehículos pesados, un valor superior ao do ano anterior

Estes datos, que son o resultado do estudo exhaustivo de 380 estacións de aforos, permiten adaptar a xestión da rede autonómica de estradas ás súas demandas reais, prever as necesidades futuras e planificar as actuacións precisas

Santiago de Compostela, 1 de maio de 2021

As estradas de titularidade autonómica rexistraron en 2020 unha intensidade media diaria de 2.549 vehículos, un 20,8% menos que no exercicio anterior. Así o expón a Memoria de Tráfico que elabora anualmente a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e que se publicará nos vindeiros días.

Na segregación dos datos por provincias, o maior descenso no tráfico rexistrouse na provincia de Ourense, cun 22,6%, seguida pola de Lugo co 21,9% e da de Pontevedra, co 21,5%. O menor descenso rexistrouse na provincia da Coruña, cun valor do 18,7%.

Esta análise, en números absolutos, indica que a intensidade media diaria (IMD) de vehículos superou o valor autonómico medio nas vías das provincias de Pontevedra, con 3.692 vehículos ao día, e da Coruña, con 3.513. Por debaixo da IMD galega atópase o tráfico nas estradas de Ourense, con 1.365 vehículos ao día, e o de Lugo, con 1.274.

Do tráfico rexistrado polas estacións de aforos durante o 2020, o 8,9% correspondeuse con vehículos pesados, un valor superior ao rexistrado durante o ano anterior. As porcentaxes máis elevadas rexistráronse en Lugo e Ourense, co 12,6% e o 9,3% respectivamente. Deste xeito, os valores mínimos corresponderon ás provincias da Coruña e de Pontevedra, co 8% e o 5,7% respectivamente.

A memoria de Tráfico tamén indica os datos de intensidade media diaria de vehículos segundo o tipo de vías polas que circula. Desa forma, as vías de alta capacidade rexistraron unha intensidade media de 6.917 vehículos ao día, seguidas da rede primaria básica, que acadou unha media de 3.945 vehículos ao día.

Cómpre ter en conta que o 14 de marzo do 2020 declarábase o estado de alarma para a xestión de crise sanitaria ocasionada pola covid-19, situación que ao longo do ano tamén marca a incidencia nos datos de tráfico rexistrados na rede de estradas autonómicas da Xunta.

Os datos recollidos na Memoria de Tráfico de 2020 son o resultado da explotación de 380 estacións, da que 236 foron fixas e 144 de detección pneumática. Este método de mostraxe consiste en recoller información exhaustiva nun número determinado de seccións elixidas nos tramos máis significativos da rede viaria.

O departamento de Infraestruturas da Xunta realiza unha análise anual do tráfico das estradas da súa titularidade co obxectivo de dispoñer de información permanentemente actualizada sobre os vehículos que circulan polas mesmas e clasificada conforme a parámetros tales como a intensidade media diaria, a porcentaxe de vehículos pesados e as súas variacións ao longo do tempo.

Ese conxunto de datos resultan de gran utilidade para adaptar a xestión da rede autonómica de estradas ás súas demandas reais, prever as necesidades futuras e planificar as actuacións e os investimentos nas vías.

Imaxes relacionadas