A Xunta transferirá ao longo do mes de maio máis de 17 millóns de euros das axudas directas da PAC, aboando así o 100% das subvencións da convocatoria 2020

Galicia foi das primeiras comunidades autónomas que pagou anticipos das axudas da PAC no mes de outubro, por un montante de 38 millóns de euros

No mes de decembro, xa estaba aboado preto do 65% do importe das axudas directas, beneficiando así a uns 15.000 agricultores e gandeiros galegos

Santiago de Compostela, 1 de maio de 2021

A Consellería do Medio Rural, a través do seu organismo pagador, o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), transferirá no mes de maio máis de 17 millóns de euros das axudas directas da Política Agraria Común (PAC), o que suporá o pago do 100% das subvencións da convocatoria 2020, a cal ascende a algo máis de 170 millóns de euros para máis de 24.000 agricultores e gandeiros galegos.

Así, os primeiros pagos realizaranse a vindeira semana por un montante de nove millóns de euros. Son os correspondentes ás achegas para vacas nutrices (1,2 millóns de euros), vacún de leite (3,8 millóns de euros), vacún de cebo (3,5 millóns de euros) e para as de ovino e cabrún (preto de 400.000 euros). Estes pagos súmanse aos realizados a pasada semana por valor de 13,7 millóns de euros, en concepto de axudas de agroambiente e clima e de agricultura ecolóxica.

Posteriormente, o Fogga transferirá un total de 8,4 millóns de euros relativos ás axudas de pago básico (5,2 millóns de euros) e de pago verde (2,7 millóns de euros), así como as relativas á agricultores mozos (450.000 euros) e pequenos agricultores (27.000 euros).

Neste senso, cabe lembrar que Galicia foi das primeiras comunidades autónomas que pagou anticipos das axudas da PAC correspondentes á campaña 2020. Así, no mes de outubro aboáronse preto de 38 millóns de euros en concepto de anticipo a máis de 15.000 gandeiros e agricultores, co fin de inxectar liquidez ás explotacións gandeiras galegas. A esta cifra sumáronse outros 22,5 millóns de euros adiantados polas entidades bancarias no marco do convenio asinado coa Consellería, que permitiu abrir unha liña de préstamos a interese cero co fin de que os agricultores e gandeiros galegos puideran percibir o anticipo das axudas da PAC xa no verán.

Esta medida formou parte do Plan de liquidez posto en marcha en maio de 2020 pola Xunta para anticipar o pago de preto de 300 millóns de euros correspondentes a diferentes liñas de axudas que xestiona a Consellería do Medio Rural co obxectivo de inxectar liquidez aos agricultores, gandeiros e silvicultores afectados pola emerxencia sanitaria, entre elas as da PAC.

Ademais, xa no mes de decembro, a Consellería transferiu outros 126,6 millóns de euros en axudas directas e de desenvolvemento rural. Entre as primeiras estaban o coñecido pago básico, o pago verde, axudas para incorporación de mozos e pequenos agricultores e a de vacas nutrices.

Convocatoria 2021-2022

A Consellería lembra que se ampliou ata o 15 de maio o prazo para solicitar as axudas dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e as axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema Integrado de Xestión e Control, é dicir, as achegas da PAC 2021-2022.

Cabe lembrar que os gandeiros e agricultores galegos poderán presentar a solicitude única accedendo directamente cun certificado dixital á aplicación informática SGA ou acudindo ás distintas entidades colaboradoras. Unha vez finalizado o prazo de solicitude, poderanse presentar solicitudes de modificación ata o día 15 de xuño.

Imaxes relacionadas