Román Rodríguez asiste en Santiago á rodaxe da miniserie ‘Sofía Casanova, a obreira do pensamento’

A Xunta cofinancia o proxecto cunha subvención de case 260.000 euros pola liña dirixida a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego

O conselleiro compartiu a sesión coas directoras, Zaza Ceballos e Noelia Muíño, e co elenco que integran Isabel Naveira, Tito Asorey, Fran Paredes, Paula Cereixo, Mercedes Castro e Xosé Esperante, entre outros intérpretes
 

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, asistiu hoxe no instituto Rosalía de Castro de Santiago de Compostela a unha sesión da rodaxe de Sofía Casanova, a obreira do pensamento, miniserie de dous capítulos producida por Zenit Televisión co cofinanciamento da Xunta de Galicia de 259.753 euros concedidos en 2020 a través da liña de subvencións a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego.

Na súa visita, o conselleiro, acompañado polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, interesouse polo desenvolvemento do proxecto da man das súas directoras, Zaza Ceballos e Noelia Muíño, e tivo oportunidade de saudar a membros do equipo técnico e do elenco, do que forman parte Isabel Naveira, no papel de Sofía Casanova, Tito Asorey, Fran Paredes, Paula Cereixo, Xosé Esperante, Mercedes Castro e Nuncy Valcárcel, entre outros intérpretes.

A serie, na que colabora tamén Televisión de Galicia, conta ademais con nomes de referencia na súa nómina artística, como o director de fotografía, Alberte Branco, o responsable de arte, Antonio Pereira, ou Manu Conde, quen se encarga da música.

Todo o equipo da produtora, que está a rodar principalmente en localizacións de Mera, no concello coruñés de Oleiros, desprazouse na xornada de hoxe a Santiago para gravar no interior do IES Rosalía de Castro secuencias nas que a protagonista se reúne cos intelectuais da época para ler os seus poemas, é homenaxeada antes de volver a Polonia e recibida por un editor ao que lle presenta a súa obra para publicar. O centro de ensino compostelán foi elixido polo bo mantemento da súa arquitectura interior, do século XIX.

A miniserie, rodada integramente en galego, narra a vida da escritora e xornalista galega Sofía Casanova (1861-1958), primeira española correspondente nun país estranxeiro e de guerra. Esta nova produción súmase a outras de Zenit Televisión centradas en galegas referentes, como Juana de Vega, Emilia Pardo Bazán ou Rosalía de Castro, proxectos que tamén contaron co apoio da Xunta para a súa realización.
 

Imaxes relacionadas