A Xunta apoia un cómic didáctico para o fomento do emprendemento feminino enmarcado no proxecto europeo 'Mulleres emprendedoras en acción' en colaboración coa Uvigo

O libro de viñetas, pilotado pola profesora da Universidade de Vigo Elena Rivo, ten como protagonistas catro mulleres e a Ribeira Sacra como punto de partida dunha historia de ideas e proxectos empresariais

Román Rodríguez subliñou a importancia de fomentar os valores da igualdade entre o alumnado desde a base do sistema educativo

María Jesús Lorenzana referendou o compromiso da Xunta co emprendemento feminino a través do programa Emega, que conta este ano con 3,6 millóns de orzamento, o máis elevado da súa historia
 

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2021

A Xunta de Galicia colabora con Mulleres emprendedoras en acción, un proxecto europeo desenvolvido en colaboración coa Universidade de Vigo (UVigo), e con outras asociacións e entidades nacionais e internacionais, no marco do programa Erasmus+ para a educación e a formación profesional, que ten como obxectivo impulsar o emprendemento feminino desde unha perspectiva didáctica.

Esta iniciativa abrangue cinco actividades entre as que se atopa a elaboración dun cómic que hoxe foi presentado pola investigadora principal do mesmo, a profesora da UVigo Elena Rivo, nun acto no que tamén participaron o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, coincidindo precisamente co Día do cómic, que se celebra mañá.

O cómic está artellado como unha guía polo emprendemento que ten como protagonistas catro mulleres que se coñecen na Ribeira Sacra e que, desde aí, viaxan aos seus países de orixe para desenvolver as súas ideas e proxectos de negocio. Nel introdúcense, dun xeito didáctico, conceptos como plans de negocio, análises DAFO, fontes de financiamento ou elaboración dun balance, todo ilo mesturado con mensaxes vinculadas á igualdade de xénero.

O conselleiro Román Rodríguez trasladou os parabéns por esta iniciativa a prol da igualdade entre homes e mulleres, e subliñou a importancia de fomentar este tipo de valores entre o alumnado desde as etapas temperás desde a cultura e a educación. Neste senso, lembrou que a igualdade de oportunidades “require da implicación transversal” de todo o Goberno galego como así se está a facer no ámbito educativo con iniciativas como a posta en marcha do I Plan de actuacións para a Igualdade nos centros educativos de Galicia 2016-2020, a inclusión no currículum educativo das materias Igualdade de Xénero ou Coeducación para o século XXI e Sociedade Inclusiva, ou a introdución da perspectiva de xénero da Formación Profesional, coa implantación do ciclo superior de Promoción de Igualdade de Xénero.

Pola súa banda a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, destacou a importancia de iniciativas como esta que serven de catalizadoras para explicar de maneira simplificada os primeiros chanzos dun proxecto de emprendemento, “constituíndo un material de referencia que de seguro servirá para abrir as portas da iniciativa privada a moitas persoas que se atopen con dúbidas sobre como iniciarse nun proxecto por conta propia”, detallou. Na mesma liña, subliñou, a Xunta aposta de xeito decidido polo autoemprego eo emprendemento feminino por medio do programa Emega que vén de incrementar o seu orzamento ata os 3,6 millóns de euros en 2021, o maior da súa historia, co obxecto de “contribuír a manter os postos de traballo de moitas mulleres galegas e seguir creando moitos outros, intentando paliar os efectos que a pandemia está causando no eido laboral ao colectivo feminino”.
 

Imaxes relacionadas