O Portal de Transparencia da Xunta recibe máis de 700.000 visitas e acumula 2,5 millóns de páxinas consultadas desde a súa posta en marcha

A Consellería de Facenda e Administración Pública vén de facer públicos os informes relativos á transparencia e ás queixas e suxestións dos usuarios

A páxina máis vista é a que recolle a información sobre normativa e medidas da Xunta sobre a pandemia do covid

O 95% das suxestións feitas polos cidadáns, presentáronse de xeito telemático

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2021

O Portal de Transparencia da Xunta de Galicia leva recibidas máis de 700.000 visitas desde a súa posta en marcha, e acumula 2,5 millóns de páxinas consultadas por preto de 240.000 persoas. Así figura nun informe sobre a transparencia no sector público autonómico de Galicia que vén de publicar a Consellería de Facenda e Administración Pública.

O Portal de Transparencia contén máis de 1.710 páxinas web, nas que se poden visualizar uns 5.012 documentos. Dá así cumprimento á Lei Galega de Transparencia, aprobada no ano 2016, que ten como principal obxectivo facilitar á cidadanía máis información e máis da que establece a normativa básica estatal. De feito, esta lei converteu a Galicia na comunidade que asumiu máis obrigas neste ámbito a través da normativa autonómica.

A páxina máis vista é a que recolle a información sobre a normativa e as medidas postas en marcha pola Xunta sobre a pandemia do covid (119.819 visitas), seguida da de altos cargos da Administración Xeral con 101.695 visitas. No ano 2020 o número medio de visitas ao mes foi de 20.021, o que supón un incremento do 45% con respecto á media do ano anterior.

No que se refire ás peticións de acceso á información pública, recibíronse 3.575 desde a posta en marcha da Lei estatal 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, o 79,5% a través de medios electrónicos. Destas 3.575 peticións, foron resoltas 2.978, das que un 83% foron estimadas, permitindo o acceso total á información solicitada.

Queixas e suxestións

Por outra banda, a Consellería de Facenda e Administración Pública tamén fixo público hoxe o informe da Oficina de Defensa dos usuarios dos servizos públicos, en relación coas queixas e suxestións achegadas polos cidadáns. Este documento dá cumprimento á Lei 1/2015, do 1 de abril, de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa Administración, e recolle un balance das tramitación de queixas e suxestións relativas ao funcionamento do sector público autonómico correspondente ao 2020.

Esta oficina constitúese como un instrumento para a mellora da calidade na xestión pública a través da participación cidadá, e para facer as súas achegas os cidadáns poden acollerse a calquera das canles habilitadas ao efecto como son o rexistro da Xunta, o teléfono ou a sede electrónica, o que lles permite acceder os 365 días do ano as 24 horas do día.

O informe recolle que no 2020 se recibiron un total de 2.666 queixas e 518 suxestións, das que preto do 50% están xa resoltas. Máis do 65% das queixas foron presentadas de xeito telemático e, no caso das suxestións, a presentación electrónica sube ata preto do 95%.

Esta ferramenta de participación cidadá, que se utiliza cada ano máis, permite coñecer de primeira man o que se pode mellorar e, deste xeito, poñer en marcha mecanismos e recursos para logralo.

O informe sobre a transparencia no sector público pode consultarse no seguinte enlace: https://transparencia.xunta.gal/transparencia-neste-portal, mentres que o da Oficina de Defensa dos Usuarios dos servizos Públicos está dispoñible nesta dirección: https://transparencia.xunta.gal/tema/participacion-e-relacions-coa-cidadania/suxestions-e-queixas.

Imaxes relacionadas