A Xunta apoia a Hifas da Terra na implementación de procesos intelixentes na produción de complementos nutricionais

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, asistiu hoxe á presentación do proxecto NutriGen 4.0, que desenvolverán conxuntamente a empresa de biotecnoloxía Hifas da Terra e o centro tecnolóxico Anfaco

Este é un dos nove proxectos que a Xunta apoiará no marco da cuarta edición do programa Fábrica Intelixente e Sostible, que contarán con 21M€ en axudas e mobilizarán 57M€
 

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2021

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, asistiu esta mañá á presentación do proxecto NutriGen 4.0, que desenvolverán conxuntamente a empresa de biotecnoloxía Hifas da Terra e Anfaco, no marco da cuarta edición do programa Fábrica Intelixente e Sostible.

Os responsables do proxecto explicaron o seu obxectivo de realizar unha optimización integral de tecnoloxías 4.0 para desenvolver procesos industriais de produción continua de complementos nutricionais a escala piloto. Estes estarán referidos á produción de novos metabolitos secundarios con actividade medicinal por parte de dúas cepas de fungos, cuxo xenoma será estudiado mediante análise bioinformático de big data. Para iso, afondarase na sensórica de control e monitorización en tempo real, comunicación con software de control de almacén, xestión automatizada de ordes de produción e protocolos de análises de calidade automatizados, para avaliar a súa implantación na liña de bioprocesos de Hifas da Terra.

Patricia Argerey felicitou aos promotores do proxecto NutriGen 4.0, “porque a súa posta en marcha supón a constatación do bo camiño que está a seguir o tecido industrial galego, cunha clara aposta pola I+D+i en liña coas tendencias internacionais da fábrica intelixente e sostible”. A iniciativa mobilizará máis de dous millóns de euros, dos que 1,5M€ proceden da axuda concedida pola Xunta a través do programa Fábrica Intelixente e Sostible.

O traballo realizado na nosa comunidade ao abeiro da Estratexia de Impulso á Biotecnoloxía 2016-2020 mobilizou 262M€, un 32% máis do previsto, e situou a Galicia na vangarda da transferencia de coñecemento en áreas da biotecnoloxía coma o descubrimento de fármacos. “De feito, somos a 6ª comunidade autónoma por número de empresas e a 4ª con maior facturación de España”, sinalou a directora.

A esta visión responde o programa Fábrica Intelixente e Sostible, cuxa cuarta edición, na que se enmarca o proxecto presentado hoxe, contempla o impulso de nove proxectos, cun apoio público de 21 millóns de euros, que permitirán mobilizar preto de 57M€ ao longo dos dous vindeiros anos. Cómpre salientar ademais que, desde a posta en marcha en 2016 do programa Fábrica intelixente e sostible, o Goberno galego ten apoiado un total de 24 proxectos con axudas que ascenden a case 73 millóns de euros, mobilizando 272M€ en sectores estratéxicos para a Comunidade.

Finalmente, Patricia Argerey subliñou a profunda vocación innovadora do sector biotecnolóxico de Galicia e puxo en valor a capacidade do ecosistema galego de innovación, “con centros de investigación e coñecemento pegados á nosa realidade industrial, para dar resposta ás demandas e aos retos neste eido”.