A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade destaca que co contrato licitado hoxe se actuará nun total de 22 km da vía de altas prestacións CG-2.1, que une Monforte de Lemos co Alto do Faro, e da LU-533, que comunica Chantada e Escairón

Ethel Vázquez avanza un investimento de 2,4 millóns na mellora do firme de dúas estradas da Xunta do sur da provincia de Lugo e solicita ao Goberno de España que actúe nas vías estatais

As empresas teñen ata o 26 de maio para presentar as ofertas a estas obras, que comezarán en verán e rematarán este mesmo ano

Actuarase en case 12 km da vía de altas prestacións de conexión con Chantada, no treito entre Monforte e Escairón, e en algo máis de 10 km da LU-533

Ethel Vázquez destaca o investimento de 4,6 M€ na mellora das estradas da provincia de Lugo, no marco do Plan de reforzo de firmes da Xunta, obras que xa están licitadas e que se executarán en 2021

Salienta a licitación dos contratos para a conservación e a seguridade dos 1.500 km de vías autonómicas na provincia, que incrementan un 18% o seu orzamento con respecto aos actuais ata acadar os 40,7 M€ nos vindeiros 4 anos

Solicita que, ao igual que fai o Goberno galego nas súas estradas, o Goberno de España actúe nas vías estatais, que “presentan un grado de deterioro alarmante”

Reclama ao Executivo central que asuma con urxencia a mellora das N-540 e N-120 e que impulse as autovías pendentes para vertebrar o interior, como a A-76 e a A-56

Pantón (Lugo), 30 de abril de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez avanzou hoxe en Pantón un investimento de 2,4 millóns de euros na mellora do firme de dúas estradas da Xunta do sur da provincia de Lugo e solicitou ao Goberno de España que actúe tamén para garantir as condicións das vías estatais.

Vázquez Mourelle, acompañada do delegado territorial en Lugo, Javier Arias, e de alcaldes da zona, presentou hoxe das actuacións de mellora do firme ao longo de 22 quilómetros da vía de altas prestacións CG-2.1, que une Monforte de Lemos co Alto do Faro, e da LU-533, a estrada autonómica que comunica Chantada e Escairón.

Ethel Vázquez explicou que hoxe mesmo o Goberno galego licitou estas obras, coa publicación do anuncio na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia, e que agora as empresas teñen ata o vindeiro 26 de maio para presentar as súas ofertas. O prazo de execución será de 6 meses.

A conselleira indicou que o obxectivo da Xunta é iniciar os traballos este verán, aproveitando as condicións meteorolóxicas máis favorables, e telos rematados este mesmo ano.

A titular de infraestruturas da Xunta puxo o acento na importancia das actuación de mellora do firme destas dúas estradas do sur da provincia de Lugo, tanto no investimento, como na súa lonxitude: actuarase ao longo de 22 km, ao seu paso polos municipios de Monforte de Lemos, de Pantón, do Saviñao e de Chantada.

Precisou que se actuará en case 12 km da vía de altas prestacións de conexión con Chantada, que continúa cara a Lalín, concretamente no treito entre Monforte e Escairón; e en algo máis de 10 km da estrada autonómica LU-533.

Segundo o grado de deterioro que presente o firme, realizaranse fresados de maior ou menor espesor, para garantir unha correcta execución dos traballos, incrementando a durabilidade e a adherencia; reforzando a seguridade e ofrecendo tamén maior comodidade de condución aos usuarios destas dúas estradas da Xunta. No caso da vía de altas prestacións, na CG-2.1, estenderase unha capa de rodadura en toda a lonxitude da estrada.

A conselleira explicou que as actuacións se completarán cos traballos de limpeza e roce das cunetas e coa reposición da sinalización horizontal, marcas viarias e captafaros.

Ethel Vázquez fixo fincapé no traballo e recursos dedicados desde a Xunta a manter as estradas autonómicas “nas mellores condicións e en proporcionarlle aos cidadáns vías máis cómodas e seguras para os seus desprazamentos”.

Referiuse ao Plan de reforzo de firmes, mediante o cal a Xunta investirá este ano 4,6 M€ no acondicionamento do firme das estradas autonómicas da provincia de Lugo. Salientou que estas actuacións de mellora do firme están todas elas xa licitadas e que o obxectivo é executalas ao longo do presente exercicio 2021.

Apuntou, ademais, ao traballo da Xunta na conservación ordinaria e na vialidade invernal. Lembrou, nesta liña, que a mediados de mes se licitaron os contratos que asegurarán a conservación e a seguridade nos case 1.500 km das estradas autonómicas da provincia de Lugo: 40,7 M€ nos vindeiros 4 anos, no período 2021-2025, o que supón incrementar un 18% o orzamento dos contratos actuais.

A conselleira puxo en valor, tamén, as obras, en plena execución, da 1ª fase da autovía Lugo-Sarria, A Pobra de San Xiao e Sarria centro, seguindo a aposta da Xunta pola vertebración do territorio.
Ethel Vázquez fixo fincapé na aposta que vén realizando a Xunta pola conservación das súas estradas e pediu esa mesma implicación e disposición ao Goberno de España para que actúe nas vías estatais, que “presentan un grado de deterioro alarmante”, subliñou.

A este respecto, a titular de Infraestruturas apelou á urxencia de que o Goberno asuma a mellora da N-540, que une Lugo e Ourense, e da N-120, e a que impulse as autovías pendentes, como a A-76 e a A-56, que favorecerán de modo significativo as comunicacións das provincias do interior.

Imaxes relacionadas