Fernández-Tapias anuncia un investimento de 187.000 euros na renovación das carpinterías exteriores do CEIP da Cruz-Budiño do Porriño

A delegada territorial da Xunta en Vigo visitou hoxe o centro escolar en compañía dos técnicos da Consellería de Cultura, Educación e Universidade para informar á dirección deste centro pontevedrés dos traballos que se van a realizar

A actuación vai aliñada coas directrices do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica

O Porriño (Pontevedra), 30 de abril de 2021

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, anunciou hoxe un investimento de 187.000 euros para a renovación das carpinterías exteriores do CEIP da Cruz-Budiño no municipio pontevedrés do Porriño.

Acompañado por técnicos da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, entre eles o xefe territorial do departamento autonómico, César Pérez Ares, informou á dirección deste centro pontevedrés das obras de mellora que se van a realizar.

A actuación, segundo detallou, consistirá na substitución das carpinterías e vidreiras exteriores nos edificios de primaria e secundaria, atendendo a unha necesidade real detectada polos servizos técnicos da Xunta. O obxectivo, dixo a delegada, é dotar o CEIP da Cruz-Budiño dunha maior funcionalidade e confortabilidade, ao tempo no que mellora a eficiencia enerxética de ambas as dúas edificacións.

Debido ás deficientes condicións das carpinterías existentes procederase á renovación de todos os elementos, incluídas as persianas cando existan. Deste modo, substituiranse por unhas de material de aluminio natural con rotura de ponte térmico e apertura oscilobatiente e/ou fixa dependendo de cada caso. Asemade, as portas metálicas existentes cambiaranse por outras de aluminio panelado.

No caso das fiestras que por cuestións de altura non podan ser manipuladas serán monitorizadas e nas dos aseos retiraranse as rexas metálicas existentes e colocaranse aireados que permitan garantir unha ventilación permanente. En canto ás persianas serán compactas, con lamas de aluminio en cor similar á carpintería e con sistema de apertura tipo cardan.

Fernández-Tapias cifrou en preto de 900.000 euros as inversións realizadas nos centros educativos do Porriño nos últimos anos, dos que 241.000 euros corresponden concretamente ao CEIP da Cruz-Budiño.

Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica

Por último, a delegada explicou que esta actuación vai aliñada coas directrices do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, unha iniciativa pioneira coa que a Xunta de Galicia busca reforzar un novo modelo de colexios e institutos na etapa poscovid, con espazos máis amplos e saudables, máis accesibles nos que as instalacións educativas estean ao servizo dos proxectos educativos.

O plan, que contempla un investimento de 191M€ para esta lexislatura, será a folla de ruta que rexerá para todas as obras educativas para os próximos anos, sexan de rehabilitación, de ampliación ou de nova construción.

Imaxes relacionadas