Fabiola García denuncia que Galicia sexa a comunidade máis prexudicada polos novos criterios de distribución do Plan Concertado

Galicia pasará de percibir o 8,37% dos fondos destinados a axudar aos concellos a financiar os servizos sociais a tan só o 6,6%

Solicita que se paralice este cambio de fórmula de reparto e se traballe xunto ás comunidades nun sistema máis xusto que outorgue un peso maior a factores coma a dispersión e o envellecemento

Reclama que os fondos para a atención de menores estranxeiros non acompañados se repartan de xeito proporcional, para que comunidades como Galicia non reciban 0 euros
 

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, denunciou que Galicia sexa a comunidade autónoma máis prexudicada polos novos criterios de distribución dos fondos do Plan Concertado, mediante os que as Administracións autonómicas axudan aos concellos a financiar os servizos sociais. Así o manifestou durante a reunión do Consello Territorial de Servizos Sociais realizada esta mañá por videoconferencia.

A conselleira sinalou que o Goberno central modificou unilateralmente os criterios de reparto, convertendo a Galicia na comunidade que máis peso porcentual perde, ao pasar de percibir o 8,37% dos fondos a tan só o 6,6%. Por iso, o Goberno galego solicitou ao Ministerio que se paralice este cambio de criterio e se traballe xunto ás comunidades nun sistema de reparto máis ambicioso e máis xusto, que outorgue un peso maior a aspectos como a dispersión da poboación ou o envellecemento.

Fabiola García resaltou que durante esta reunión tamén se afondou no reparto de fondos para a atención a menores estranxeiros non acompañados. Galicia colaborará solidariamente na acollida de rapaces que chegaron de Canarias durante a última crise migratoria. Por outra banda, o Goberno central asigna uns fondos en función do número de menores que xa acollen as Comunidades e a conselleira solicitou que este reparto se faga de xeito máis proporcional. Coa proposta do Ministerio, Galicia recibirá cero euros a pesar de contar con 175 destes rapaces.

Por último, tamén insistiu en concretar os prazos e axilizar a asignación dos fondos europeos e dos fondos do nivel acordado de dependencia. A conselleira puntualizou que este reparto foi comprometido hai catro meses e, logo deste tempo, aínda non existe unha previsión clara de cando estarán dispoñibles.
 

Imaxes relacionadas