A Xunta destaca a transformación dixital dos sectores da saúde e o benestar como motor de competitividade para a economía galega

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou hoxe no obradoiro ‘Dixitalización Industria 4.0: os sectores da saúde e o benestar’, organizado pola Asociación de Empresas de Tecnoloxía de Galicia (Ineo)

Salienta a aposta do Goberno galego na candidatura aos fondos europeos Next Generation polas tecnoloxías emerxentes, a innovación e a Industria 4.0 nestes ámbitos produtivos

Subliña o apoio á dixitalización das pemes galegas a través dos diferentes programas de axudas, que achegaron 23M€ en 2020 a case 3700 proxectos que mobilizarán preto de 36M€

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2021

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou esta mañá, por videoconferencia, no obradoiro Dixitalización Industria 4.0: os sectores da saúde e o benestar, organizado pola Asociación de Empresas de Tecnoloxía de Galicia (Ineo) no marco do proxecto de talleres de impulso á dixitalización que desenvolve a Xunta en colaboración con diferentes agrupacións empresariais galegas. Guldrís resaltou o papel que estes ámbitos produtivos galegos están a desempeñar para dar resposta ás novas necesidades provocadas pola pandemia da covid-19 e destacou a súa transformación dixital como motor de competitividade e de achega de oportunidades para a economía galega en xeral.

O taller contou coa participación de representantes de empresas galegas tecnolóxicas e do sector do benestar, Ineo e o Clúster da Saúde de Galicia (CSG), que compartiron cos asistentes as experiencias e os resultados dos procesos de dixitalización que xa implantaron, ademais de incidir na relevancia das empresas destes ámbitos no desenvolvemento económico da Comunidade.

Neste sentido, o director do Igape subliñou que os fondos europeos Next Generation brindan unha oportunidade para incidir na necesaria transformación tecnolóxica e o avance dixital de todo o tecido produtivo galego, especialmente das pemes. Segundo apuntou Guldrís, a candidatura galega a eses recursos está definida a partir dese criterio, a busca de consensos, a implicación das pemes nos diferentes proxectos para que teñan un alto impacto sobre a produtividade, o emprego e o territorio, a colaboración público-privada e a I+D+i como vector transversal.

Os 354 proxectos -247 de iniciativa pública e 107 privada- que inclúe a candidatura aos Next Generation na que traballa o Goberno galego poderían chegar a mobilizar investimentos por preto de 20.000 millóns de euros e están clasificados a partir das cinco cadeas de valor sobre as que teñen un maior impacto. Así, a que engloba o eido sanitario, os modos de vida saudables e a nova economía dos coidados suma o 9% dos investimentos proxectados.
As outras catro son: a economía circular e a transición enerxética, que constitúen o 55% do total; a mobilidade sustentable, que acada o 8%; os Hubs de Innovación Dixital, a Industria 4.0 e as TIC, o 16%; e a cadea mar-industria e agro-industria, que chegan ao 12% do total dos investimentos.

O director do Igape lembrou tamén a aposta pola transformación dixital das pemes que a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación promove a través de diferentes programas de axudas como o que impulsa os talleres de dixitalización realizado esta mañá. Con achegas de máis de 23 millóns de euros en 2020, estas liñas apoiaron case 3700 proxectos que mobilizarán preto de 36 millóns de euros, un investimento público-privado ao que hai que sumar os 98 millóns de euros investidos polo sector industrial en iniciativas relacionadas coa Industria 4.0.

Imaxes relacionadas