Isabel Risco e Fran Rei recrean a primeira banda tecno galega no 'Dúo vaguedades' do fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021

O secretario xeral de Política Lingüística e os dous actores presentaron as pezas nas que mesturan humor e música da man de Rosalía de Castro e Eduardo Pondal

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2021

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e os actores Isabel Risco e Fran Rei presentaron hoxe na Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal o proxecto audiovisual Dúo Vaguedades, pertencente á primeira convocatoria do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22 da Xunta de Galicia.

No acto, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade felicitou aos actores polo traballo que achega, “con grande enxeño, coñecemento e moito humor, moitas das características que nos fan sentirnos identificados como galegos e galegas e algúns dos fitos máis destacados da historia, da literatura e da cultura galegas”, afirmou.

O proxecto presentado hoxe, desenvolvido por Artefeito Sociedade Cooperativa Galega, componse de cinco audiovisuais (Dubidar, Falar por falar, Rexurdimento, Verbos compostos e Cultura nas verbenas) que inclúen cadanseu videoclip do Dúo Vaguedades, a primeira banda tecno da historia, formado nada máis e nada menos que polos mesmísimos Rosalía de Castro (Isabel Risco) e Eduardo Pondal (Fran Rei), que percorreron as verbenas do país entre 1857 e 1867 coa súa música.

Repositorio de contidos dixitais

O proxecto Dúo Vaguedades forma parte do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22, un repositorio de contidos creativos de interese cultural en galego que o Goberno galego puxo en marcha ao abeiro do seu Plan de reactivación do sector cultural ao inicio da pandemia da covid-19 e que ten en marcha a segunda edición.

Imaxes relacionadas