A Xunta marca como unha das súas prioridades de actuación o fomento do uso do galego nas familias e a mocidade

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presenta no Parlamento as liñas de traballo do seu departamento, que aumenta o seu orzamento un 53%

Refírese ao Plan de Dinamización na Mocidade ou as colaboracións académicas en marcha como claves para reforzar a presenza da lingua en espazos de socialización

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2021

A Xunta de Galicia marca entre as súas prioridades seguir traballando na transmisión e emprego da lingua galega en entornos familiares e entre a mocidade. Así o explica o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que presentou hoxe no Parlamento as liñas de traballo do seu departamento, que aumenta este ano o seu orzamento nun 53%.
Como indicou, este incremento na Consellería de Cultura, Educación e Universidade fai posible que a lingua galega vaia a estar “aínda máis presente” nos espazos de socialización dos mozos e nos fogares. Sinalou que, ao abeiro do Plan de Dinamización da Lingua na Mocidade, xa se está fomentando o uso do galego nas relacións persoais, así como o neofalantismo ou a implicación directa dos colectivos sociais e asociacións xuvenís na promoción da lingua.

“Os resultados avalan a política lingüística da Xunta e debemos seguir nesa liña”, expresou. Neste sentido, recordou que os últimos datos do Instituto Galego de Estatística constatan que hoxe falan galego máis persoas en Galicia que hai cinco anos e que o galego se reforza como lingua maioritaria. Para dar continuidade a estes traballos, avanzou que os esforzos se focalizan agora en eidos específicos como internet, as redes sociais e as zonas urbanas.

Formación e cultura en galego

Referiuse ás distintas liñas en marcha en colaboración coas universidades galegas para estudar e analizar as interaccións nas redes sociais coa lingua galega e se prevé intensificar a programación cultural que fomente a lingua galega nos fogares. Ademais, tamén se referiu ao aumento orzamentario previsto para os programas de promoción do galego así como para actividades de formación, cun incremento neste caso superior ao 77% que inclúe facilitar a súa realización a través dun novo modelo de probas Celga en liña.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, tamén puxo de manifesto os plans previstos no ámbito socioeconómico cun novo Plan de dinamización para este sector, así como no ámbito didáctico e do ensino. Salientou tamén a utilidade de ferramentas como o Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22, do que está en marcha a segunda convocatoria, e que na súa primeira edición facilitou máis de 300 proxectos culturais en galego.

Imaxes relacionadas