A Xunta abre unha manifestación de interese que impulsará a implantación de novos centros de I+D+i en Galicia no marco da reconstrución

Feijóo salienta que a iniciativa permitirá identificar potenciais empresas interesadas en asentar en Galicia os seus centros e obter información sobre o ecosistema de innovación para definir futuros apoios

Anuncia que a Manifestación de Interese xa activada para identificar iniciativas de empresas do sector primario, agroalimentario e outros que poidan optar aos fondos da UE ampliará ata o 14 de maio o prazo de recepción de solicitudes
 

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2021

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, informou hoxe da apertura ata o 31 de maio dunha manifestación de interese que impulsará a localización de novos centros de I+D+i en Galicia no marco da reconstrución económica post-pandemia.

Unha iniciativa, dixo, que estará encadrada dentro da cultura de colaboración público-privada e que permitirá identificar potenciais empresas interesadas en asentar aquí os seus centros e obter información sobre o ecosistema de innovación para definir futuros apoios.

Máis polo miúdo, Feijóo explicou que todas as propostas deberán cumprir con requisitos como: que o centro se sitúe en Galicia, que acolla a un mínimo de 30 traballadores, presentar un orzamento de 10 M€, unha actividade de polo menos 5 anos e estar orientados aos eixos da Estratexia RIS3.

Finalmente, Feijóo lembrou que esta non é a única Manifestación de Interese que se abriu na Comunidade, de feito, dixo, está en marcha unha activada para identificar iniciativas de empresas do sector primario, agroalimentario e doutros interesados neste eido que poidan optar aos fondos da UE, que amplía ata o 14 de maio o prazo para que os interesados manden as súas solicitudes.
 

Imaxes relacionadas