Arias informa aos negocios de Foz sobre os bonos desconto de 30 euros que financiará a Xunta para gastar no pequeno comercio

O delegado territorial da Administración galega explicou que os autónomos e pemes que rexenten establecementos comerciais poden sumarse ao programa de xeito sinxelo desde a páxina web bonosactivacomercio.gal

Os consumidores poderán solicitar a partir do 3 de maio estes bonos para comprar nas tendas adheridas á campaña
 

Foz (Lugo), 29 de abril de 2021

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, informou hoxe á asociación Centro Comercial Aberto (CCA) de Foz, que preside José Carlos Paleo, sobre o novo programa Bonos Activa Comercio impulsado pola Vicepresidencia económica co fin de fomentar as vendas nos negocios locais.

Durante unha visita a varios establecementos da localidade para explicar os detalles da campaña, Arias animou aos autónomos e pemes que rexenten tendas a sumarse a esta iniciativa. O proceso é sinxelo e pode completarse desde unha plataforma web habilitada pola Xunta: bonosactivacomercio.gal. O prazo para facelo está aberto ata o 15 de maio.

O delegado apuntou que os bonos activaranse de xeito inmediato. Así, a partir do 3 de maio os consumidores poderán solicitar estes vales con descontos de 30 euros que financiará a Administración galega para gastar nas tendas participantes. As rebaixas dependerán do valor da compra: por un gasto igual ou superior a 30 euros descontaranse 5 euros; e por un gasto de 50 euros ou máis descontaranse 10 euros.

“O funcionamento do bono será doado e farase a través dunha aplicación para descargar no móbil”, dixo o delegado, quen engadiu que “os clientes poderán identificar os comercios adheridos porque contarán cun distintivo nun lugar visible dos seus locais”.

Tamén precisou que un dos requisitos para participar é cumprir as normas anticovid, “unha cuestión na que xa teñen demostrado a súa implicación os negocios deste sector, que está a ter un comportamento exemplar adaptando a súa actividade ás necesarias medidas sanitarias”. Os que non estean adheridos ao programa Comercio Seguro da Xunta poden facelo ao tempo que se dan de alta na campaña de bonos desconto, desde a mesma plataforma web.

A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación destina 10 millóns de euros para que os bonos cheguen a 330.000 clientes de toda Galicia, co fin de mobilizar en total 55 millóns de euros.

Imaxes relacionadas