Luis López garante a “máxima colaboración e compromiso” da Xunta de Galicia co Concello do Rosal na súa visita institucional

O delegado territorial mantén unha reunión de traballo coa alcaldesa, Ánxela Fernández, e recolle as súas peticións para o executivo galego

O representante autonómico destaca a “aposta” da Xunta polo Rosal e repasa as melloras en infraestruturas, servizos sociais, emerxencias e medio ambiente

O Rosal, 29 de abril de 2021

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López, realizou hoxe unha visita institucional ao Concello do Rosal e mantivo unha reunión de traballo coa alcaldesa, Ánxela Fernández, á que lle trasladou a “máxima colaboración e compromiso” do Goberno galego co municipio.

O representante autonómico, que recolleu as peticións e necesidades para a Xunta trasladadas pola rexedora, comprometeuse a xestionalas e interesarse polo seu estado coas distintas consellerías e a informar das opcións de execución ao Concello do Rosal.

Tras o encontro, o delegado territorial destacou a “aposta” que está a facer o executivo autonómico polas infraestruturas e os servizos públicos deste municipio do Baixo Miño “para seguir mellorando a calidade de vida da veciñanza” e citou que as principais actuacións estanse a realizar na rede viaria, os servizos sociais, as emerxencias e o medio ambiente.

Así, indicou que a mellora do firme da estrada autonómica PO-552 ao seu paso polo concello rosalino e outros do sur da provincia atópase en fase de contratación por 1,8 millóns de euros e que vén de concederse unha partida de 34.854€ para mellora de camiños municipais ao abeiro do Plan Marco.

Tamén se lle outorgou un remolque de emerxencias para mellorar a atención cidadá e, xa no eido da política social, aumentáronse as horas do Servizo de Axuda no Fogar en case 2.500 anuais, o que supón un 17,2% -un dos incrementos máis elevados da provincia-, e habilitáronse novamente 61 plazas na escola infantil autonómica para o vindeiro curso.

Finalmente, a Xunta vén de catalogar como árbores senlleiras o conxunto de sobreiras da Magdalena e, no apartado de investimentos medioambientais, concedeu 78.000 euros para mellorar a separación e reciclaxe de residuos, o que vaille permitir ao Concello do Rosal mercar 500 composteiros para a veciñanza, e para habilitar un espazo municipal destinado ao intercambio e reutilización de cousas.

“Creo que o compromiso da Xunta co Rosal é incuestionable, como se ve con todas as iniciativas en marcha, e ademais terá continuidade, xa que os Orzamentos da Xunta 2021 reservan, de xeito específico e directo, alomenos 443.000€ para o municipio”, concluiu o delegado territorial.

Imaxes relacionadas