A Xunta presenta en Vigo os Bonos Activa Comercio cos que se busca dinamizar as vendas e reactivar o sector

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, acompañado pola delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias visitou varios establecementos da cidade adheridos a esta iniciativa na que se invisten 10M€

Anima aos comerciantes a sumarse e avanza que Vigo xa conta con 137 participantes

A partir da semana que vén os clientes poderán descargar os bonos desconto de 30 euros a través dunha aplicación móbil

Enmarcados no paquete de medidas específicas deseñadas polo Goberno galego para o sector, estes bonos pretenden chegar a 330.000 persoas e mobilizar 55M€ no comercio de proximidade

Vigo, 29 abril de 2021

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, acompañado da delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitou esta mañá a tenda de decoración Kate Home; Bordar en Azul, de venda de roupa para bebés e a parafarmacia Pharma Green, tres dos establecementos adheridos aos Bonos Activa Comercio, unha iniciativa do Goberno galego que ten como obxectivo reactivar o comercio local dinamizando as vendas nos establecementos de proximidade.

Tal e como explicou o director, o programa –que pretende contribuír a reducir o impacto económico derivado das restricións pola pandemia da covid-19 e fomentar o consumo nos establecementos da Comunidade– conta cun orzamento de 10M€ cos que se prevén mobilizar 55 millóns neste sector e chegar a 330.000 clientes a través de bonos desconto de 30 euros.

Os comerciantes interesados en adherirse ao programa poden facelo ata o 15 de maio a través da web www.bonosactivacomercio.gal. Está aberto a autónomos e pemes que deberán cumprir coas medidas de prevención fronte á covid-19 para o que poden unirse á plataforma Comercio Seguro impulsada tamén pola Xunta.

A partir da vindeira semana, en concreto do 3 de maio, os clientes poderán descargar os bonos desconto de 30 euros a través dunha aplicación móbil. O importe de cada bono irase consumindo en función do valor da compra: as compras iguais ou superiores a 30 euros terán un desconto de 5€, mentres que ás compras iguais ou superiores a 50 euros lles corresponde un desconto de 10€.

Manuel Heredia aproveitou para animar aos comerciantes polo miúdo da cidade a sumarse a esta iniciativa e avanzou que, nestes momentos, xa se adheriron en Vigo un total de 137 comercios.

Os Bonos Activa Comercio forman parte do paquete de medidas específicas para o sector que a Xunta de Galicia está a poñer en marcha para acompañar o comercio de proximidade na súa reactivación, e que contará con polo menos 20 millóns de euros en axudas para reforzar a competitividade do sector a través de iniciativas que permitan a súa modernización e incentiven o consumo.

Así, no último mes, a Xunta tamén activou outras actuacións como o Renove Electrodomésticos, a través do que se investirán 3M€ para que 20.000 fogares renoven os seus electrodomésticos; ou o Bono Enerxía Peme e Comercio, que destinará 3M€ tanto á mellora como a renovación dos sistemas eléctricos, iluminación ou climatización para incrementar a eficiencia enerxética de 1000 pemes e autónomos do comercio, a hostalería e as actividades artísticas, recreativas e de entretemento.

Izado de bandeira Galicia Calidade

Por outra parte, o director xeral tamén visitou esta mañá o Náutico de Vigo para facer o izado da bandeira de Galicia Calidade que dará comezo á tempada de verán, período de maior aflucencia nas instalacións.

Galicia Calidade certifica en Galicia un total de 14 establecementos náuticos de Galicia, entre os que se atopan 13 membros da Asociación de Clubes Náuticos de Galicia (Asnauga) e o Nauta Sanxenxo, de titularidade municipal. Froito do acordo con Asnauga no ano 2019 Galicia Calidade certifica as súas instalacións dentro do marco xeral asinado co Clúster de Turismo de Galicia.

Imaxes relacionadas