A Xunta somete a información pública o proxecto para o acondicionamento e mellora da seguridade viaria do antigo trazado da estrada PO-400 no Concello de Arbo

Procederase á rehabilitación do firme e á execución de beirarrúas e sendas nos tramos urbanos, acondicionaranse os cruces e construirase unha nova rotonda

Prevese, ademais, a execución dun carril de parada de autobús e a colocación dun refuxio, xunto coa construción dunha zona de aparcadoiro

A intervención conta cun investimento de preto de 1,2 millóns de euros e precisa da expropiación de 62 predios, cun orzamento estimado en 72.000 euros

As achegas a este proxecto poderán formularse desde mañá e ata o 14 de xuño

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio polo que se somete a información pública o proxecto de acondicionamento e mellora da seguridade viaria do antigo trazado da estrada PO-400, no concello de Arbo.

O obxectivo desta actuación de reforzo da seguridade viaria é o acondicionamento e mellora do trazado antigo da citada PO-400 mediante a rehabilitación do firme e a execución de beirarrúas e sendas nos treitos urbanos, así como o acondicionamento das interseccións inicial e final da estrada e a creación dunha rotonda na contorna do punto quilométrico 24 da estrada actual.

Este proxecto conta cun investimento de preto de 1,2 millóns de euros e precisa da expropiación de 62 predios, cun orzamento estimado en 72.000 euros.

As persoas que o desexen poderán formular observacións e achegas ao proxecto desde mañá e ata o vindeiro día 14 de xuño. No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información deste procedemento: https://xurl.es/k74o4

Máis en detalle, o proxecto do departamento de Infraestruturas da Xunta inclúe a execución dun novo tramo de conexión, desde a antiga estrada ata a citada glorieta proxectada no punto quilométrico 24+000 da actual PO-400, así como o acondicionamento do acceso á glorieta proxectada, desde a estrada que discorre en dirección ao núcleo do Picoto.

Tamén se prevé a execución dun carril de parada de autobús e colocación dun refuxio no punto quilométrico 24+240 da PO-400, e a construción dunha zona de aparcadoiro entre os puntos quilométricos 1+250 e 1+300 da PO-400A.

Destaca tamén na intervención, a mellora da seguridade peonil no antigo trazado da PO-400, mediante a execución dun itinerario peonil cun ancho de 1,80 m, incluído bordo, e unha rígola de 0,30 m entre a estrada e dito bordo, na maioría do seu trazado.