A Xunta solicita ao Concello da Coruña que planifique o reforzo do transporte urbano para atender a demanda que xerará a apertura do Espazo Amizar

O Goberno galego pídelle ao Concello que revise e planifique os servizos das paradas próximas para atender as necesidades de desprazamento dos empregados e usuarios do novo centro administrativo, que estará finalizado no verán

A oferta de paradas actuais contrasta coa súa baixa conectividade

A Xunta está a investir 7M€ en rehabilitar a antiga sede da Consellería de Sanidade para dispoñer 5.800 m² para usos administrativos, oficina de emprego e locais de entidades sociais

A actuación permitirá que o Goberno galego aforre 750.000 euros cada ano en alugueiros de sedes administrativas na cidade da Coruña

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2021

A Xunta vén de solicitarlle ao Concello da Coruña que planifique un reforzo do transporte urbano para atender a demanda de mobilidade que se xerará coa apertura do Espazo Amizar, o novo centro administrativo situado na rúa Gregorio Hernández da cidade.

Nun escrito remitido ao Concello desde a Dirección Xeral de Mobilidade, o Goberno galego demanda que se revisen os servizos que se están a prestar nas paradas próximas e se planifiquen reforzos precisos para atender as necesidades de desprazamento futuras dos empregados e usuarios do novo centro administrativo da cidade, que a Xunta ten previsto finalizar no verán.

Actualmente, existe unha parada de taxi a menos de cen metros do Espazo Amizar e paradas do transporte urbano na rúa Gregorio Hernández, na avenida da Habana, 25 e no paseo de Ronda, 24. Sen embargo, a oferta de paradas actuais contrasta coa súa baixa conectividade.

A Xunta considera que o nivel de servizo actual nestas paradas, que empregarán as persoas que se despracen ata o Novo Espazo Amizar, non será suficiente para cubrir a demanda de mobilidade que se xerará coa apertura do novo equipamento público.

A Xunta está a rehabilitar a antiga sede da Consellería de Sanidade da rúa Gregorio Hernández para habilitar un espazo de 5.800 metros cadrados que albergará unha oficina de emprego, oficinas administrativas da Xunta e locais para organizacións sanitarias e sociais sen ánimo de lucro.

As obras, que supoñen un investimento autonómico de máis de 7 M€, cofinanciadas con fondos europeos FEDER 2014/2020, están executadas xa ao 55% e estarán totalmente rematadas este verán.

O Novo Espazo Amizar componse de dous edificios, un con forma de prisma, de 5 alturas, e outro con forma ovalada, de 4 andares, que ocupa o interior da parcela. Estarán conectados nos diferentes niveis e cun patio interior moi luminoso. As instalacións tamén disporán dun salón de actos na planta baixa, común para todos os usuarios, que contará con entrada independente.

A actuación permitirá que o Goberno galego aforre 750.000 euros cada ano en alugueiros de sedes administrativas na cidade da Coruña.

A Xunta tamén rehabilitou outra edificación independente, na zona sur da parcela, de máis de 500 m², que está a ser usada xa desde o pasado mes de setembro como sede da Fundación Pública de Emerxencias Sanitarias de Galicia 061, cun investimento autonómico de máis de 550.000 €.

Estas instalacións do 061, unidas ás do novo centro administrativo, son un polo de demanda de mobilidade que require servizos de transporte urbano adaptados ás novas necesidades dos usuarios.