O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, asinaron esta mañá o acordo de incorporación á iniciativa

A Xunta leva o programa Xantar na casa aos veciños do Concello de Guitiriz

O servizo entrará en funcionamento con dez usuarios, coa posibilidade de sumar novas incorporacións

Ademais de garantir unha alimentación saudable a domicilio, a iniciativa permite facer un seguimento individualizado

Preto de 1700 persoas de 188 concellos son xa usuarias deste programa

Lugo, 29 de marzo de 2021

A Xunta implanta o programa Xantar na casa no concello de Guitiriz, o ultimo en incorporarse a esta iniciativa que garante unha alimentación saudable a domicilio, coa que xa contan 188 municipios de toda Galicia e da que se benefician preto de 1700 persoas. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, asinou esta mañá coa alcaldesa desta localidade lucense, Marisol Morandeira, o convenio de adhesión a este programa. Ao acto tamén asistiu o delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias.

Perfecto Rodríguez sinalou que inicialmente o programa contará con dez beneficiarios, que seleccionará os servizos sociais do Concello. Esta cifra poderase incrementar en caso de haber máis persoas interesadas que cumpran os requisitos. A comida repartirase nos domicilios nunha única entrega semanal para as sete xornadas, polo que soamente deberán quentala antes de consumila. Ademais, a aquelas persoas que carezan de neveira ou microondas facilitaráselles os electrodomésticos necesarios para preservar estes alimentos.

Así mesmo, o xerente do Consorcio explicou que Xantar na casa está dirixido aos maiores, especialmente aqueles que viven sós, dependentes e persoas en situación ou risco de exclusión social. Tamén apuntou que con esta iniciativa ofrécese unha dieta equilibrada e adaptada ás necesidades dos usuarios, ao tempo que permite facer un seguimento individualizado da situación que viven e actuar, por medio dos servizos sociais municipais, ante posibles incidencias.

Implantación e investimento

Coa incorporación de Guitiriz, o Goberno galego segue a estender o Xantar na casa polos concellos pertencentes á comarca da Terra Chá, onde este programa xa se desenvolve en Abadín, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Muras, Vilalba, Xermade e agora tamén Guitiriz.

Esta iniciativa autonómica ten un custe de 2,3 millóns de euros ao ano, incluída a achega dos Concellos e tendo en conta que a Xunta financia o 50% do prezo dos menús; as entidades locais achegan o 25% e o outro 25% corre a cargo das persoas usuarias.

En concreto, o prezo de cada menú diario é de 6,60 euros, dos que a Xunta financia 3,08 euros; as entidades locais achegan 1,76 euros e os beneficiarios os 1,76 euros restantes.

Imaxes relacionadas