O director do Instituto de Estudos do Territorio reuniuse hoxe na Estrada con representantes municipais da provincia

A Xunta asesora a unha decena de concellos de Pontevedra sobre a aplicación das novas Directrices da Paisaxe de Galicia

A Estrada (Pontevedra), 28 de abril de 2021

O director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Francisco Barea, animou hoxe aos representantes municipais de dez concellos da provincia de Pontevedra a implicarse de forma activa e colaborar na aplicación práctica das Directrices da Paisaxe de Galicia, a primeira ferramenta deste tipo coa que conta a Comunidade e que entraron en vigor o pasado 20 de febreiro.

Así llelo trasladou esta mañá o director do IET a alcaldes e edís dos concellos da Estrada, Forcarei, Cuntis, Caldas de Reis, Valga, Pontecesures, Catoira, Moraña, Portas e Barro no transcurso dunha xuntanza informativa celebrada no salón de conferencias da Academia Galega de Seguridade Pública (A Estrada).

Cómpre lembrar que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda leva máis dun mes celebrando este tipo de reunións para dar a coñecer a nivel local o contido das Directrices. Neste sentido, Barea sinalou que están pensadas como unha nova ferramenta de protección, xestión e conservación da paisaxe, coa que Galicia afianza a súa actual posición á vangarda do país en materia paisaxística.

A Xunta considera de gran importancia este tipo de encontros para dar o coñecer o seu alcance, por canto recollen unha serie de normas e directrices que deberán integrarse na totalidade de iniciativas que se promovan no territorio galego. En definitiva, búscase compatibilizar a protección e mellora da paisaxe co desenvolvemento económico de Galicia.

Imaxes relacionadas