A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, entregou esta mañá as chaves dos inmobles, rehabilitados polo IGVS e destinados a alugueiro

A Xunta entrega tres vivendas protexidas en Pontevedra tras investir 200.000 euros na súa rehabilitación e mellora enerxética

Ángeles Vázquez felicita ás tres familias adxudicatarias, que pagarán unha renda de 91 euros ao mes por pisos de 75 m2, tres habitacións, terraza e rocho

Subliña o importante pulo que recibiu o barrio pontevedrés de Monteporreiro nos últimos anos, con máis de 2 millóns de euros investidos en materia residencial

Enmarca este tipo de actuacións, coas que se busca recuperar inmobles onde hai más demanda de vivenda pública, nunha das catro liñas estratéxicas que inspiran o Pacto Social pola Vivenda, presentado en xaneiro tras consensualo co sector

Pontevedra, 28 de abril de 2021

A Xunta de Galicia entregou esta mañá tres vivendas de promoción pública no barrio pontevedrés de Monteporreiro tras investir preto de 200.000 euros nas obras de rehabilitación do edificio, que se centraron fundamentalmente en aspectos enerxéticos e na mellora da eficiencia do inmoble.

Durante o acto de entrega de chaves ás familias adxudicatarias, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, explicou que, grazas á intervención realizada polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), os novos inquilinos poderán acceder a pisos de 74,17 m2 útiles, tres dormitorios, terraza particular, rocho e patio común a cambio dun alugueiro mensual de 91 euros ao mes. Ademais, o inmoble tamén conta cun local comercial no baixo.

“Un dos obxectivo máximos da Xunta é rehabilitar o xa construído, poñelo en valor e facilitarlle ás familias así o acceso a unha vivenda”, declarou a conselleira, que ao igual que o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, quixo aproveitar para felicitar en particular ás tres familias adxudicatarias “polo seu novo fogar”, resaltando o dereito de todos os galegos a dispor dunha “vivenda digna e a prezos accesibles”.

Neste caso concreto, ademais, a responsable autonómica explicou que os traballos de recuperación do inmoble se centraron sobre todo en aspectos e melloras enerxéticas co fin de garantir o máximo confort dos veciños e reducir no posible os seus consumos, unha labor de optimización que tamén percibirán os novos inquilinos na contía dos recibos correspondentes a servizos básicos como auga quente ou calefacción.

A cidade de Pontevedra suma así un novo local comercial e tres VPP ao seu actual parque público que, como lembrou a conselleira, conta nestes momentos con aproximadamente 600 vivendas protexidas de diferentes tipoloxía e continúa incorporando novos inmobles.

Neste sentido, Ángeles Vázquez quixo subliñar especialmente o pulo experimentado polo barrio de Monteporreiro desde o punto de vista residencial, unha zona na que, dixo, a Xunta leva investidos nos últimos anos máis de dous millóns de euros.

En concreto, lembrou que na rúa Bélxica tamén se executaron o ano pasado obras de mellora da eficiencia enerxética nun total de 79 vivendas, unha actuación na que o IGVS investiu máis de medio millón de euros; e que no ano 2013 a Xunta acometeu unha mellora da urbanización no barrio –na rúa Alemaña, no treito entre as rúas Irlanda e Luxemburgo- por un importe de 1,35 millóns de euros

Ao respecto, Ángeles Vázquez incidiu en que esta aposta pola rehabilitación residencial, tanto na cidade de Pontevedra como no resto de municipios onde se concentra a demanda de vivenda pública, é unha das liñas estratéxicas que guían o Pacto Social pola Vivenda 2021-2025, a folla de ruta a seguir nesta materia para os vindeiros anos e que foi presentada oficialmente a finais de xaneiro, tras consensuar as súas case 50 medidas e actuacións cos principais colectivos do sector e a Fegamp.

Neste sentido, cómpre lembrar que nos orzamentos da Consellería para este ano, as políticas relacionadas coa vivenda concentran máis de 72 millóns de euros, dos cales a metade (36 M€) destinaranse tanto a actuacións directas como ao financiamento de distintos tipos de axudas en materia de rehabilitación e renovación urbanas.

En todo caso, a conselleira lembrou que o IGVS tamén segue a apostar pola promoción de vivenda pública de nova construción. Así, explicou que no marco do concurso de solo residencial convocado por Xestur o ano pasado, dúas cooperativas se fixeron con outros tantos solares na cidade de Pontevedra e avanzou que nas mesmas se proxectan 33 novas vivendas de promoción pública, a metade das cales xa contan con licenza de construción.

Imaxes relacionadas