O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, respondeu hoxe a preguntas dos grupos no Pleno do Parlamento

A Xunta traballa ao carón do tecido empresarial de Lugo para facilitar que o polígono do Ceao recupere a súa actividade canto antes

Conde recoñece que a inmediata reacción dos equipos de extinción, as mostras de responsabilidade e compromiso das empresas e a disposición do Goberno galego para colaborar en todo canto sexa preciso, permite albergar esperanzas de que pronto se recuperará a actividade nas naves afectadas

Santiago de Compostela, 28 abril de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, asegurou hoxe no Pleno do Parlamento que a Xunta de Galicia traballa ao carón do tecido empresarial de Lugo para facilitar que o polígono do Ceao recupere a súa plena actividade canto antes.

Conde recoñeceu que a inmediata reacción dos equipos de extinción, o inicio dos traballos de investigación, as mostras de responsabilidade e compromiso das empresas e a disposición do Goberno galego para colaborar en todo canto sexa preciso, permite albergar esperanzas de que pronto se recuperará a actividade nas naves afectadas.

O vicepresidente económico tamén puxo en valor a coordinación e a colaboración demostrada por todas as administracións desde que se produciu o incendio e facendo un chamamento a seguir traballando xuntos para devolver a normalidade ao polígono do Ceao e ás empresas e familias afectadas.

Segundo dixo, a Xunta está á súa disposición, tanto para asesorar en materia de seguros, como para garantir circulante e préstamos mentres non se executan as pólizas dos seguros. Tamén para colaborar na planificación á hora de reconstruír as naves e no financiamento, unha vez que os proxectos se vaian definindo. É dicir, a Xunta de Galicia, abondou, fará ese labor de acompañamento, ofrecendo a súa colaboración permanente para que o polígono recupere a súa actividade e emprego.

Neste sentido, subliñou que a Administración autonómica está sempre atenta a xogar un papel fundamental no apoio e defensa do tecido produtivo e do emprego e, máis, en situacións de emerxencia.

No caso concreto do concello de Lugo, só a través Consellería de Economía, Empresa e Innovación, desde 2009, a Xunta leva aprobado apoios por máis de 64 millóns de euros que permitiron mobilizar 215 millóns en eidos como o financiamento, a innovación, a eficiencia enerxética, a mellora dos parques empresariais ou o impulso ao sector comercial. Ademais, a través da liña do Igape para achegar liquidez a pemes e autónomos afectados pola pandemia, un total de 115 compañías deste municipio reciben préstamos por 6,3 millóns.