O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, respondeu hoxe a preguntas dos grupos no Pleno do Parlamento

A Xunta avoga por un proxecto industrial nos terreos de Vulcano sempre que garanta investimentos, carga de traballo e xeración de emprego

Conde apela ao consenso para atopar unha alternativa que permita a reactivación, defendendo como primeira opción a industria naval

Subliña a importancia de actuar coa máxima responsabilidade para manter a capacidade produtiva na ría de Vigo

Santiago de Compostela, 28 abril de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, asegurou hoxe, no Pleno do Parlamento, que a mellor saída para a situación que atravesa Vulcano é desenvolver un proxecto industrial nos terreos do estaleiro sempre que conte con todas as garantías xurídicas e implique investimentos, carga de traballo e xeración de emprego.

Cumpridos eses obxectivos, dixo Conde, a Xunta avoga por que as partes avalíen en profundidade o ditame do Tribunal de Conflitos de Xurisdición e, desde o diálogo, o consenso e o sentido común, se busque a mellor alternativa que permita a reactivación dos terreos do estaleiro vigués. Durante a súa intervención, indicou que, de cumprirse todos os requisitos, a primeira opción para a Xunta sería a continuidade da actividade naval.

O vicepresidente económico lembrou que a decisión debe tomala o Consello de Administración da Autoridade Portuaria, no que ademais da Xunta están presentes o Goberno central e os concellos de Vigo e Redondela, entre outras entidades.

Nese sentido, subliñou a importancia de actuar coa máxima responsabilidade para manter a capacidade produtiva industrial na ría de Vigo, porque está en xogo o futuro de moitas familias.