A Xunta presenta en Lugo os Bonos Activa Comercio cos que se busca dinamizar as vendas e reactivar o sector

O director xeral de Comercio e Consumo presentou esta iniciativa, na que se invisten 10M€, acompañado polo delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias

Anima aos comerciantes da provincia a sumarse e avanza que Lugo xa conta con 374 establecementos adheridos

A partir da semana que vén os clientes poderán descargar os bonos desconto de 30 euros a través dunha aplicación móbil

Enmarcados no paquete de medidas específicas deseñadas polo Goberno galego para o sector, estes bonos pretenden chegar a 330.000 persoas e mobilizar 55M€ no comercio de proximidade

Lugo, 28 abril de 2021

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, acompañado do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, presentou esta mañá os Bonos Activa Comercio, unha iniciativa do Goberno galego que ten como obxectivo reactivar o comercio local dinamizando as vendas nos establecementos de proximidade.

Tal e como explicou o director, o programa –que pretende contribuír a reducir o impacto económico derivado das restricións pola pandemia da covid-19 e fomentar o consumo nos establecementos da Comunidade– conta cun orzamento de 10M€ cos que se prevén mobilizar 55 millóns neste sector e chegar a 330.000 clientes a través de bonos desconto de 30 euros.

Os comerciantes interesados en adherirse ao programa poden facelo ata o 15 de maio a través da web www.bonosactivacomercio.gal. Está aberto a autónomos e pemes que deberán cumprir coas medidas de prevención fronte á covid-19 para o que poden unirse á plataforma Comercio Seguro impulsada tamén pola Xunta.

A partir da vindeira semana, en concreto do 3 de maio, os clientes poderán descargar os bonos desconto de 30 euros a través dunha aplicación móbil. O importe de cada bono irase consumindo en función do valor da compra: as compras iguais ou superiores a 30 euros terán un desconto de 5€, mentres que ás compras iguais ou superiores a 50 euros lles corresponde un desconto de 10€.

Manuel Heredia aproveitou a presentación do programa para animar aos comerciantes polo miúdo da provincia a sumarse a esta iniciativa e avanzou que, nestes momentos, xa se adheriron en Lugo un total de 374 comercios. O comercio polo miúdo de pezas para o vestido e o toucado é a tipoloxía que conta cun maior número de establecementos adheridos.

Os Bonos Activa Comercio forman parte do paquete de medidas específicas para o sector que a Xunta de Galicia está a poñer en marcha para acompañar o comercio de proximidade na súa reactivación, e que contará con polo menos 20 millóns de euros en axudas para reforzar a competitividade do sector a través de iniciativas que permitan a súa modernización e incentiven o consumo.

Así, no último mes, a Xunta tamén activou outras actuacións como o Renove Electrodomésticos, a través do que se investirán 3M€ para que 20.000 fogares renoven os seus electrodomésticos; ou o Bono Enerxía Peme e Comercio, que destinará 3M€ tanto á mellora como a renovación dos sistemas eléctricos, iluminación ou climatización para incrementar a eficiencia enerxética de 1000 pemes e autónomos do comercio, a hostalería e as actividades artísticas, recreativas e de entretemento.

Imaxes relacionadas